Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240-Bis Xoves, 16 de decembro de 2021 Páx. 61783

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de decembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare, de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 22 de outubro foi modificada mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 coa finalidade de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Posteriormente, mediante a Orde do 25 de novembro de 2021, prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e modificouse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto da modificación foi permitir a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, en grupos de ata oito persoas no interior e quince na terraza.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde teñen unha duración determinada, pois a eficacia da orde que se prorroga e se modifica esténdese ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas recollidas nela seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. Tamén se introducen modificacións que teñen por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade actual. Así, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica, así como as propias características da actividade concreta, resulta necesario eliminar a posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e a evolución dos casos activos, e limitar a interacción persoal nun tipo de actos en que os participantes simultanean a inxesta de alimentos e/ou bebidas e, por tanto, están sen máscara nese momento, coa interacción grupal en espazos limitados.

III

De conformidade co exposto, a adopción das medidas contidas na presente orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 12 de decembro de 2021, destácanse os seguintes datos:

En relación coa situación epidemiolóxica de Galicia, a tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia, o primeiro deles, ata o 25 de agosto, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -3,2 %, séguelle outro tramo cunha velocidade de decrecemento máis rápida, cunha PCD do -7,6 %, e identifica outro punto de cambio o 29 de setembro, en sentido crecente, cunha PCD do 1,0 %. Desde o 21 de outubro obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente, cunha PCD do 8,2 %.

A partir do día 30 de outubro hai unha taxa acumulada a 14 días crecente, que dá comezo a unha nova onda da COVID-19. A razón de taxas de incidencia, aínda que está a diminuír, está por debaixo do 1,5, mais na quinta onda a diminución da razón de taxas foi anterior ao pico da incidencia acumulada a 14 días. A positividade está a incrementar e os seus niveis móvense arredor do 10 %, moi por riba do nivel basal, o que indica un aumento continuado, tanto para as taxas acumuladas a 7 días coma a 14 días.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 7 días están entre os 103,01 casos por 100.000 habitantes de Santiago e os 449,70 de Ourense.

As taxas de incidencia a 7 días, no conxunto de Galicia, seguen a aumentar a respecto de hai 7 días, pasando de 197,9 a 246,43 casos por 100.000 habitantes nunha semana. Por áreas sanitarias, a incidencia a 7 días aumenta en todas as áreas, agás na de Lugo onde diminúe, e a incidencia a 14 días aumenta en todas as áreas. A razón de taxas a 7 días é de 1,25, variando entre o 0,98 de Lugo e o 1,35 de Pontevedra, A Coruña e Ferrol. A porcentaxe de positividade a 7 días é do 9,35.

En canto á incidencia acumulada a 7 días por grupos de idade, o grupo de 0 a 11 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 40 a 49 anos, onde se observa un lixeiro incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade, agás para o grupo de 70 a 79 anos, no que descende. Para o grupo de 0 a 11 anos, obsérvase un incremento en todas as áreas, excepto nas de Ourense e Lugo. Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos, a incidencia é de 114,42 casos por 100.000 habitantes, inferior á da semana previa, que foi de 123,87 casos por 100.000 habitantes. A razón de taxas a 7 días está lixeiramente por riba do 1 en todos os grupos de idade.

No que se refire aos datos de hospitalización, a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días aumentou lixeiramente do 6,66 a 6,92 ingresos por 100.000 habitantes. Na UCI observouse un incremento da taxa de ingresos, que pasou de 0,59 ingresos por 100.000 habitantes na semana anterior a 0,89 ingresos por 100.000 habitantes na actualidade.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (actualización nº 522. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19)) con datos consolidados ás 18.30 horas do 14 de decembro, o número de persoas hospitalizadas en planta en Galicia ascende a 285 e na UCI a 49.

En canto á porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días é de 2,1 % e 2,8 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,2 % e 0,3 % a 7 e 14 días, nas unidades de críticos.

Nas persoas de 65 e máis anos, a taxa de ingresos nas unidades de agudos descendeu respecto da semana anterior de 15,41 a 14,10 ingresos por 100.000 habitantes. Nas UCI aumentou de 1,31 a 1,45 ingresos por 100.000 habitantes no mesmo período. Nos últimos 7 días, os casos da COVID-19 deste grupo de idade presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 9,5 %, inferior respecto da semana anterior (11,2 %), aínda que a porcentaxe de ingreso na UCI se mantivo no 1 %.

No que respecta aos «casos orfos», entre o 22 de novembro e o 5 de decembro, a porcentaxe destes casos no conxunto de Galicia foi do 39,2 %, superando o 10 % que está establecido no indicador. Todas as áreas sanitarias superan este indicador, variando entre o 29,9 % da Coruña e o 45,9 % da área de Santiago.

En relación cos gromos con, polo menos, casos terciarios, a porcentaxe varía entre o 40 % de Vigo e o 35,4 % da Coruña ata o 20 % de Pontevedra.

Na área da Coruña destacan dous gromos de 37 e 26 casos cada un deles, que iniciaron nunha festa infantil de aniversario e afectaron posteriormente o ámbito educativo con xeración de casos terciarios no ámbito familiar. No primeiro gromo, a idade media foi de 22,6 anos, o 64,9 % dos casos ocorreron en menores de 12 anos e o 92,3 % dos susceptibles de vacinación tiñan a pauta completa. No segundo gromo, a idade media dos casos foi 27,5 anos, o 38,4 % dos casos foron en menores de 12 anos e o 87,5 % dos susceptibles de vacinación tiñan a pauta completa.

Na área de Lugo destacan varios gromos que implican varios ámbitos. Un deles con 33 casos, foi un gromo mixto que se iniciou no ámbito educativo e que se estendeu ao ámbito familiar. A idade media dos casos foi de 29 anos, o 48 % dos casos ocorreron en menores de 12 anos e o 100 % dos susceptibles de vacinación estaban vacinados. Outro gromo con 23 casos iniciouse no ámbito da restauración e un neno estendeuno ao ámbito deportivo e educativo. A idade media dos casos foi de 59 anos, o 17 % foi en menores de 12 anos e o 100 % dos susceptibles de vacinación tiñan a pauta completa.

Na área de Pontevedra destaca un gromo que xa foi informado a semana pasada, que pasou de 90 a 127 casos, de ámbito laboral nun estaleiro e en empresas auxiliares, onde os afectados tiñan unha idade media de 46 anos, e o 88 % dos susceptibles de vacinación tiñan a pauta completa. O 2 % dos casos foron menores de 12 anos. Outro gromo afectou 61 persoas e estivo relacionado co ámbito educativo con extensión ao ámbito familiar e a un centro institucional. A idade media dos afectados foi de 25 anos, o 51 % eran menores de 12 anos e o 98 % dos susceptibles de vacinación tiñan a pauta completa. E outro gromo afectou 56 persoas, iniciouse nun bar e estendeuse ao ámbito educativo. A idade media dos casos foi de 30 anos, o 30 % foron menores de 12 anos e o 100 % dos susceptibles estaban vacinados.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, Chuvi, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 48/2021 (do 29 de novembro ao 5 de decembro), a porcentaxe de positividade para a variante Delta foi do 98 % (IC95 %: 97,3-98,5 %).

Durante a semana 48 notificáronse por PCR dúas mostras cun perfil compatible coa variante Ómicron e unha coas variantes Beta e Ómicron.

Ata a semana 48, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 2.175 casos da variante Delta con secuenciación completa; 968 casos da variante Alfa con secuenciación completa; da variante Beta (B.1.351 ou surafricana), 44 por secuenciación completa; da variante Gamma (P1 ou brasileira), 85 casos por secuenciación completa; e da variante Alfa coa mutación E484K, cinco casos por secuenciación completa.

Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526); 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 55 mostras coa variante Mu (B.1.621).

O informe conclúe que, segundo os datos reflectidos, a taxa de incidencia segue a aumentar, e a variante Delta segue a ser a predominante, e xa se detectaron casos da variante Ómicron.

A información do modelo de predición indica que a incidencia acumulada a 7 e 14 días aumentará, polo que cómpre manter as medidas de restrición xerais e particulares vixentes na actualidade.

Segundo o exposto, ademais da necesaria prórroga das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na presente orde acométense modificacións puntuais nas súas regras que atinxen á eliminación da posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé.

Estas limitacións, fundamentadas nos datos epidemiolóxicos que vimos de expor, así como na crecente explosividade dos contaxios, afectan a celebración de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé en cerimonias nupciais e outras celebracións e eventos.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Modificación da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 3 do punto 3.5 do anexo, que queda como segue:

«3. Non se permite a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé».

Dous. Modifícase o número 2 do punto 3.14 do anexo, que queda como segue:

«2. Non se permite a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé».

Terceiro. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do 18 de decembro de 2021. Non obstante, no caso de celebracións e eventos que se celebren o 18 e 19 de decembro, aos cales se refiren os puntos 3.5 e 3.14 do anexo da orde que se prorroga, que xa estivesen concertados antes do día 16 de decembro, non será aplicable a limitación recollida no punto segundo desta orde, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade