Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250-Bis Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65290

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que «as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior».

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que «todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o que se establece nesta lei». O dito deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste modo, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública no ámbito estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden adoptar as autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans; distancia interpersoal mínima; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Na actualidade, a situación epidemiolóxica, de acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29 de decembro de 2021, pódese resumir do seguinte xeito:

De acordo cos datos dispoñibles o día 25 de decembro de 2021, a taxa de incidencia a 7 e a 14 días é de 561,73 e 864,94 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados hai unha semana (o 18 de decembro), en que eran de 303,17 e 536,90 casos por cen mil habitantes, respectivamente. A razón de taxas a 7 días é de 1,85 e a porcentaxe de positividade é do 12,58 %, e supera o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento.

Por grupos de idade, o grupo de 20 a 29 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 30 a 39 anos, e obsérvase un incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade excepto para o grupo de 60 a 69 anos. Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos, a incidencia é de 119,36 casos por 100.000 habitantes.

Na semana epidemiolóxica 50 (do 13 ao 19 de decembro) a variante Delta seguiu a ser a predominante co 77 % dos casos atribuídos. Non obstante, espérase que a variante Ómicron, que durante a semana 50 supuxo o 21 % das mostras analizadas (e o 43 % das secuenciadas), supere xa o 50 % dos casos durante a semana 51 (do 20 ao 26 de decembro), e que durante a presente semana supere o 75 %.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días aumentou respecto da semana previa (de 7,03 a 7,18 ingresos por 100.000 habitantes). Na UCI a taxa de ingresos tamén presenta un aumento, pois pasa de 0,85 ingresos por 100.000 habitantes o 18 de decembro a 1,22 ingresos por 100.000 habitantes o día 25 de decembro.

A porcentaxe de ingresos en unidade de agudos dos casos dos últimos 7 días é de 1,1 % e nas unidades de críticos do 0,2 %. Os casos de COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos notificados nos últimos 7 días presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 10,8 %, inferior a respecto da semana anterior (11,6 %). Non obstante, a porcentaxe de ingreso en UCI aumentou lixeiramente (do 1,1 % ao 1,4 %).

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 530. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19), con datos consolidados ás 19.00 horas do 27 de decembro), o número de persoas hospitalizadas en planta en Galicia ascende a 287 e en UCI a 51. Así mesmo, este informe reflicte que nos últimos 7 días se notificaron un total de 16.781 casos novos da COVID-19 en Galicia.

Ao comparar os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda obsérvase, para o total de Galicia, un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta (9,5 %, 3,8 % e 1,5 %, respectivamente), en UCI (1,5 %, 0,5 % e 0,2 % na terceira, quinta e sexta ondas), así como das defuncións (1,7 %, 0,4 % e 0,1 %, respectivamente), o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e falecemento pola COVID-19.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública tamén pondera as estimacións do número de ingresos posibles por semana partindo do risco de ingreso nos últimos 14 días en planta e en UCI (1,5 % e 0,2 %, respectivamente) para o total de Galicia, tendo en conta distintos supostos de número de casos diarios. Así mesmo, considéranse outros escenarios en que aumente o risco de hospitalización.

Por outro lado, cabe destacar que a porcentaxe de casos orfos é do 40,3 %, o que indica unha situación de transmisión comunitaria.

Ante a situación actual, cunha taxa de incidencia crecente tanto a 7 como a 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas, e cun aumento da prevalencia da variante Ómicron, que ten unha transmisibilidade superior á da variante Delta, predominante ata o de agora, está xustificada a necesidade de adoptar medidas adicionais ou complementarias para facer fronte a esta situación.

Por outro lado, é importante poñer de manifesto o aumento da taxa de incidencia no grupo de idade de 20 a 39 anos, grupo poboacional que adoita ter máis interacción social. O feito de que este grupo de idade teña unha alta proporción de casos sen síntomas e un menor risco de padecer unha enfermidade grave fai que, neste momento, as altas incidencias non teñan excesiva repercusión sobre as taxas de hospitalización e de falecementos. Non obstante, hai que ter en conta que as altas taxas de incidencia en Galicia, derivadas en gran parte da situación desta poboación máis nova, poden ocasionar tamén un aumento da incidencia en poboacións doutros grupos de idade aos cales transmiten a infección e que, no caso de tratarse de persoas de avanzada idade, poden ingresar nos hospitais e falecer malia estaren completamente vacinadas.

O informe expresa que na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan a adopción dun conxunto de medidas que se orientan, por un lado, a reducir o risco de transmisión naquelas actividades de maior risco e, por outro, a diminuír as interaccións sociais e evitar as aglomeracións de persoas co fin de garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade e reducir o contacto físico en condicións favorecedoras do contaxio.

III

As medidas contidas nesta orde son necesarias, adecuadas e proporcionadas ao fin perseguido, que non é outro que o de controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade como a COVID-19, altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade. A experiencia acumulada avala, ademais, que as medidas son eficaces e útiles para acadar o obxectivo proposto de protección da saúde pública e do sistema sanitario. Na súa adopción imperan os principios de proporcionalidade e precaución que impregnan a regulación desta materia na lexislación sanitaria.

Así mesmo, tendo en conta os datos contidos no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, faise imprescindible adoptar medidas que se orientan a reducir a interacción social en todo o territorio galego, xa que só así se ten demostrado que é posible acadar a mellora da situación epidemiolóxica.

Por conseguinte, esta orde establece limitacións de permanencia de grupos de persoas no territorio de todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, en horario nocturno, agás que sexan conviventes.

Neste sentido, o artigo 38.2.6ª.III da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé como medidas de posible adopción, de acordo co disposto na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, cando así o exixisen razóns sanitarias de urxencia ou necesidade, as restricións ás agrupacións de persoas, incluídas as reunións privadas entre non conviventes, especialmente nos lugares e espazos ou con ocasión do desenvolvemento de actividades que supoñan un maior risco de propagación da enfermidade, todo iso sen prexuízo das competencias estatais en relación coas reunións en lugares de tránsito público e as manifestacións realizadas no exercicio do dereito fundamental regulado no artigo 21 da Constitución española.

É importante destacar que as limitacións de agrupacións de persoas recollidas nesta orde non son limitacións absolutas, senón que se inclúen na propia orde diversos supostos que permiten excepcións na súa aplicación.

Así mesmo, para velar pola proporcionalidade das medidas, as restricións ás agrupacións de persoas son nun horario limitado e nocturno, pois teñen como obxectivo a limitación das agrupacións que se desenvolven por razóns recreativas e de lecer en contextos cun maior risco de propagación da enfermidade. Así, estas limitacións aplícanse, cuantitativamente, durante un número reducido de horas e, cualitativamente, nunha franxa horaria nocturna en que, para a xeneralidade da poboación, a vida diaria queda de ordinario atenuada en intensidade, por tratarse dun período de tempo xeralmente dedicado ao descanso. Esta medida trata de evitar, en definitiva, determinado tipo de encontros sociais que cabe identificar como un dos principais factores de risco de incremento de contaxios.

As limitacións de grupos de persoas en horario nocturno son, ademais, medidas menos disruptivas das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais ca outras, como as limitacións á liberdade de circulación ou os confinamentos, que se deben aplicar nas situacións de maior risco. Debe lembrarse, neste sentido, que o Auto 40/2020, do 30 de abril, do Tribunal Constitucional, no seu fundamento xurídico cuarto, ao ponderar a relevancia das especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria creada pola pandemia no exercicio do dereito de reunión, salientou como, ante a incerteza sobre as formas de contaxio, sobre o impacto real da propagación do virus, así como sobre as consecuencias a medio e longo prazo para a saúde das persoas que se viron afectadas, as medidas de distanciamento social, confinamento domiciliario e limitación extrema dos contactos e das actividades grupais son as únicas que se teñen demostrado eficaces para limitar os efectos dunha pandemia de dimensións descoñecidas ata esta data.

Debe terse en conta que a adopción de medidas en toda a Comunidade Autónoma resulta necesaria atendendo á situación epidemiolóxica actual, caracterizada polo ascenso das taxas de incidencia de forma xeneralizada e explosiva en practicamente todo o territorio galego, o que xustifica a necesidade de adoptar medidas tamén xerais. Así mesmo, debe ponderarse que non se opta nesta orde por medidas de limitación da liberdade de circulación, como peches perimetrais, polas razóns devanditas do seu carácter máis disruptivo das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais, o que determina a necesidade de aplicar as restricións relativas ás agrupacións de persoas en horario nocturno en todo o territorio, coa finalidade de non incentivar nesta situación epidemiolóxica os desprazamentos de poboación para evitar as restricións.

Deste modo, nos concellos da Comunidade Autónoma, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes entre as 3.00 horas e as 6.00 horas.

Debe terse en conta que boa parte dos encontros de risco teñen lugar en horario nocturno, xa que nese horario se ten constatado unha importante relaxación no cumprimento das medidas estipuladas para evitar a transmisión do SARS-CoV-2. Por este motivo, a prohibición de manter reunións de non conviventes considérase unha medida proporcionada cun potencial impacto positivo no control da transmisión, ao evitar situacións de contacto de risco vinculadas a contornos sociais.

Esta medida acompañarase de medidas específicas de limitación dos horarios dos establecementos de lecer nocturno mediante a modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co obxecto de dar cumprimento ao mandato contido no artigo 38 ter.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que exixe unha especial xustificación da proporcionalidade das limitacións de dereitos fundamentais e liberdades públicas adoptadas, debe indicarse que as ditas medidas son adecuadas, no sentido de útiles, para lograr o fin proposto de protección da saúde pública, xa que a experiencia amosa que este tipo de medidas, que son as que de forma xeral se veñen adoptando a nivel nacional e internacional para a contención da pandemia, son eficaces para controlar a transmisión e acadan os obxectivos de diminución de casos e a mellora da situación epidemiolóxica cada vez que se acordan e manteñen durante o tempo necesario.

Debe indicarse igualmente que, pese a alta cobertura poboacional da vacinación, na situación actual seguen sendo necesarias as intervencións non farmacolóxicas co obxecto de protexer a saúde da poboación e o funcionamento do sistema sanitario, e evitar a súa saturación.

Son necesarias no sentido de que non existe outra medida alternativa menos gravosa para a consecución de tal fin con igual eficacia.

As medidas son ponderadas e equilibradas por derivaren delas máis beneficios ou vantaxes para o interese xeral ca prexuízos sobre outros bens ou valores en conflito, atendidas a gravidade da inxerencia nos dereitos fundamentais e as liberdades públicas e as circunstancias persoais de quen as sofre. O control da pandemia e a mellora da situación epidemiolóxica, xunto coa protección do sistema sanitario, son bens superiores que, nun contexto como o actual, priman sobre determinados dereitos individuais que, aínda que se limitan, non son restrinxidos de forma absoluta, e establécense excepcións que permiten o desenvolvemento, cando sexa necesario, de determinadas actividades de especial importancia, tal e como se pode observar ao analizar as excepcións que a propia orde determina ao regular as limitacións da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados en horario nocturno.

IV

Cómpre indicar, por outra banda, que a autoridade sanitaria vén adoptando medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na posesión de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a determinados establecementos ou para a realización de actividades concretas cando, polas súas características ou pola concorrencia dun risco de especial consideración, sexa necesario para a protección da saúde das persoas, contando coa preceptiva autorización xudicial.

Concretamente, no que atinxe ao sector da hostalaría e restauración, mediante a Orde do 25 de novembro de 2021, que modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, introducíronse determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes na exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dos establecementos de hostalaría (restaurantes, bares, cafetarías, furanchos...), así como para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, coa finalidade de que a actividade se poida desenvolver en condicións de seguridade, tanto para o persoal traballador coma para os clientes.

A citada Orde do 25 de novembro prevía a exhibición de determinada documentación, o chamado certificado COVID, como requisito necesario para o acceso ao interior dos establecementos que teñan título habilitante de restaurante e salóns de banquetes, ben que indicaba que só sería necesaria a exhibición dos certificados nos ditos establecementos para as actividades que se limitasen ao servizo de cafetaría e bar a partir das 21.00 horas. Pola súa banda, a exhibición de documentación para o acceso ao interior dos establecementos que conten con título habilitante de cafetarías, bares e furanchos unicamente era exixible a partir das 21.00 horas. Esta medida estendíase tamén aos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, en función da natureza dos servizos prestados nos ditos establecementos, atendendo a se son como de restaurante ou de cafetaría ou bar.

A eficacia das medidas contidas na citada orde prorrogouse ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 mediante a Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a presente orde, dada a evolución da situación sanitaria na Comunidade Autónoma, amplíase a obriga de exhibición do certificado, estendéndoa durante o horario completo de funcionamento dos distintos establecementos, con independencia de se o seu título habilitante é de restaurante, salón de banquetes, bar, cafetería ou furancho. Na mesma liña, a exixencia do certificado tamén será aplicable aos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración durante todo o seu horario.

V

Cómpre destacar que a adopción das medidas contidas nesta orde require a necesaria garantía xudicial conforme o disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Debe insistirse en que, de acordo co establecido na Sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que estas medidas non despregan efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente.

Finalmente, debemos destacar que, de acordo co disposto no punto quinto, a eficacia das medidas adoptadas se estende durante un período temporal concreto, desde o día seguinte ao da data de publicación da orde, que será posterior á súa autorización xudicial, ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro, sen prexuízo de que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas medidas sexan obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e que poidan ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

VI

As medidas recollidas nesta orde teñen o seu fundamento na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás «intervencións públicas sobre actividades, centros e bens», expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

En canto ás restricións ás agrupacións de persoas, o artigo 38.2.6ª.III da Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé como medidas de posible adopción, de acordo co disposto na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, cando así o exixisen razóns sanitarias de urxencia ou necesidade, as restricións ás agrupacións de persoas, incluídas as reunións privadas entre non conviventes, especialmente nos lugares e espazos ou con ocasión do desenvolvemento de actividades que supoñan un maior risco de propagación da enfermidade, todo iso sen prexuízo das competencias estatais en relación coas reunións en lugares de tránsito público e as manifestacións realizadas en exercicio do dereito fundamental regulado no artigo 21 da Constitución española.

Así mesmo, polo que atinxe ás medidas relativas á exhibición de certificados, o artigo 38.1, «Medidas preventivas en materia de saúde pública» (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obriga de «subministración de datos» necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e alcance

Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados en horario nocturno

1. No territorio dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, entre as 3.00 e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como abertos ou ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

2. A limitación establecida no punto anterior exceptúase nos seguintes supostos e situacións:

a) As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.

b) A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.

c) A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.

d) A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.

e) No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

f) As actividades previstas no anexo da Orde da Consellería de Sanidade, do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa versión vixente, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes e que se poidan desenvolver no horario considerado neste punto.

g) A pernoctación no mesmo domicilio no caso de reunión ou reencontro familiar ou de achegados.

h) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Terceiro. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 1 do punto segundo bis da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos prevista no número 2 deste punto, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, será aplicable aos seguintes supostos:

a) Para o acceso ao interior dos establecementos que teñan título habilitante de restaurante e salóns de banquetes.

b) Para o acceso ao interior dos establecementos que conten con título habilitante de cafetarías, bares e furanchos.

Non será necesaria a exhibición de documentación para a prestación do servizo en terrazas situadas no exterior».

Dous. Modifícase o número 1 do punto segundo ter da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«Segundo ter. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración

Os establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración aplicarán a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación recollida no punto segundo bis».

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, a inspección e o control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas, de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e o control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e os corpos de seguridade trasladarán ás autoridades competentes as denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención.

Quinto. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitouse a autorización xudicial respecto das medidas previstas na presente orde, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e a orde publícase unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade