Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9-Bis Venres, 14 de xaneiro de 2022 Páx. 1888

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de xaneiro de 2022 pola que se prorroga a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que despois de proclamar o dereito á protección da saúde dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorrogou e se modificou a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro, coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Posteriormente, a Orde do 22 de outubro foi prorrogada e modificada pola Orde do 25 de novembro de 2021 e pola Orde do 15 de decembro de 2021, que estendeu a eficacia das medidas contidas nela ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, debe salientarse que a súa regulación, que se contén na Orde do 22 de outubro, se completa coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. Ambas as dúas ordes foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

Mediante a Orde do 15 de decembro de 2021 prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e modificouse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. As modificacións introducidas foron puntuais nas súas regras, que atinxen á eliminación da posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé. Estas limitacións estaban fundamentadas nos datos epidemiolóxicos, así como na crecente explosividade dos contaxios, que afectan a celebración de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé en cerimonias nupciais e outras celebracións e eventos.

Finalmente, mediante a Orde do 29 de decembro de 2021 modificáronse a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

As modificacións realizadas o 29 de decembro de 2021 viñan impostas non só pola situación epidemiolóxica senón pola necesidade de establecer mecanismos e regras para o control dunha situación epidémica explosiva, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas no Nadal do ano pasado, como antecedente inmediato.

Ademais, o Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes de prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, modificou o artigo 6 da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de modo que estableceu o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, así como nos transportes. Con todo, exceptúase o uso da máscara en exteriores durante a práctica de deporte individual e tamén durante a realización de actividades que non sexan de carácter deportivo, pero que se realizan en espazos naturais, sempre que en ambos os casos se manteña a distancia mínima de 1,5 metros con outras persoas que non sexan conviventes.

Coa finalidade de adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, mediante a Orde do 29 de decembro de 2021 modificáronse a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se aclarou o concepto de espazos naturais para os efectos da aplicación da Orde do 22 de outubro, coa finalidade de acadar unha maior seguridade xurídica.

Por outra banda, tamén se estableceu que o público deberá permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra será de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Tamén se reduciu a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno.

III

De conformidade co exposto, a prórroga das medidas adoptadas vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 11 de xaneiro de 2022, destácanse os seguintes datos:

A análise da tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, tres tramos con diferente tendencia. Nos dous primeiros esta tendencia é decrecente, aínda que con diferentes velocidades de decrecemento. Non obstante, desde o 10 de outubro, obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente, cunha porcentaxe de cambio diaria do 6,9 %.

O día 8 de xaneiro, a taxa de incidencia a 14 días é de 2.152,6 casos por 100.000 habitantes. Se o comparamos coa incidencia do día 29 de outubro, de 18,17 casos por 100.000 habitantes, ao inicio da sexta onda, supón un incremento do 11.747 %.

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas superou o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento, e o 8 de xaneiro está no 20,7 % en 7 días. Desde o 4 ao 8 de xaneiro notificáronse un total de 20.314 casos novos de COVID-19.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade de Galicia, o grupo de 20 a 29 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido dos grupos de 12 a 19 anos e de 30 a 39 anos.

A taxa de hospitalización en unidades de agudos nos últimos 7 días aumentou, pasando de 10,4 ingresos por 100.000 habitantes o 1 de xaneiro a 11,7 o día 8 de xaneiro. No que atinxe ás unidades de críticos (UCI), observouse un descenso con respecto á semana anterior, xa que o 1 de xaneiro a taxa de ingresos por 100.000 habitantes era de 1,07 e o día 8 de xaneiro foi de 0,93.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 538. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19)), cos últimos datos dispoñibles ás 15.00 horas do 10 de xaneiro, o número de persoas hospitalizadas en Galicia ascende a 466 e na UCI a 48.

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos seguen a amosar un aumento, especialmente na taxa de incidencia; polo tanto, o risco de que siga a aumentar hai que telo en consideración xa que o virus está a ter unha circulación cada vez maior, tanto en España coma nos países da nosa contorna e no resto do mundo.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública compara os datos da terceira e quinta ondas cos datos actuais da sexta onda e observa, para o total de Galicia, un descenso progresivo das porcentaxes de hospitalización en planta e na UCI, así como das defuncións, o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e falecemento pola COVID-19.

Porén, debe terse en conta que o informe tamén pondera as estimacións do número de ingresos posibles por semana partindo do risco de ingreso nos últimos 14 días en planta e na UCI para o total de Galicia, tendo en conta distintos supostos de número de casos diarios. Así mesmo, considéranse outros escenarios en que aumente o risco de hospitalización. Estes datos e a súa evolución deben terse en conta para a protección do sistema sanitario.

Pola súa parte, a porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días é de 1,2 % e 1,1 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e de 0,1 % e 0,1 %, a 7 e 14 días, nas unidades de críticos. Estas taxas de ingresos por número de casos son sensiblemente inferiores ás das ondas anteriores. Porén, debe tamén ponderarse o factor da idade dos infectados. Así, nos últimos 7 días, os casos de COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos presentaron unha porcentaxe de ingreso en unidade de hospitalización do 6,5 %.

Por outro lado, cabe destacar que a porcentaxe de casos orfos é do 54,5 %, en ascenso respecto de semanas previas, o que indica unha situación de transmisión comunitaria.

Ante a situación actual, coas taxas actuais de incidencia a 7 e a 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas e cun aumento da prevalencia da variante Ómicron, que xa é o 85 %, que ten unha transmisibilidade superior á variante Delta, predominante ata o de agora, está xustificada a necesidade de manter as medidas adoptadas para facer fronte a esta situación.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario, polo tanto, que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

IV

Segundo o exposto, resulta procedente e indispensable desde o punto de vista sanitario manter e prorrogar as medidas establecidas, non só pola situación epidemiolóxica senón pola necesidade de dar estabilidade aos mecanismos e regras que contribúan a controlar esta situación epidémica tan explosiva que estamos vivindo, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas no Nadal do ano pasado, como antecedente inmediato.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas cuxa vixencia se prorroga terán unha duración que se estenderá ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022 e que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas aplicadas até este momento seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Segundo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do 18 de xaneiro de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade