Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18-Bis Xoves, 27 de xaneiro de 2022 Páx. 5521

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de xaneiro de 2022 pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan axiña como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consisten, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro, coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021, prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. As modificacións introducidas tiñan por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade do momento, establecéndose limitacións ao número máximo de persoas en cócteis, e tamén nas mesas ou agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría e restauración, de lecer nocturno e locais de xogo e apostas.

A continuación, mediante a Orde do 15 de decembro de 2021 volveuse a prorrogar a Orde do 22 de outubro de 2021, así como a introducir modificacións, eliminándose así a posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e a evolución dos casos activos, e limitar a interacción persoal nun tipo de actos en que os participantes simultanean a inxesta de alimentos e/ou bebidas e, por tanto, están sen máscara nese momento, coa interacción grupal en espazos limitados.

Pola súa banda, cabe citar a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade. A orde do 29 de decembro tiña por obxecto adaptar a regulación relativa ao uso de máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro. Tamén establece que o público deberá permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra será de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Ademais reduce a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno. Recóllense, por outra banda, medidas especiais de aplicación durante o período de Nadal.

Por último, cómpre indicar que mediante a Orde do 13 de xaneiro de 2022 prorrogouse a eficacia das medidas contidas na Orde do 22 de outubro de 2021 ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022. 

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, debe salientarse que a regulación destas, que se contén na Orde do 22 de outubro, complétase coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. As ordes indicadas foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

III

De conformidade co exposto, a adopción das medidas contidas na presente orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 24 de xaneiro de 2022, destácanse os seguintes datos:

A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 1523,68 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 0,82 e unha porcentaxe de positividade do 15,82 %.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nos de 65 e máis anos é do 590,70 casos por 100.000 habitantes, superior á da semana previa. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 0,79 e a porcentaxe de positividade é do 11,25 %. Obsérvase un descenso no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade, agás o de 0 a 11 anos.

Segundo os datos reflectidos neste informe, a taxa de incidencia segue a diminuír. A tendencia amosa un descenso a partir do 10 de xaneiro cunha porcentaxe de cambio diaria do -2,4 %. A información do modelo de predición indica que a incidencia acumulada a 7 días e a 14 días diminuiría.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días, en unidades de agudos e críticos, respectivamente, é de 13,32 e 0,81. A porcentaxe de ingresos en unidade de agudos dos casos dos últimos 7 días é de 0,9 % e nas unidade de críticos do 0,06 %. A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 34,46 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, igual á da semana previa. As taxas de ingresos por 100.000 habitantes na UCI é de 1,45 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de ingresos nas unidades de críticos neste grupo de idade é de 0,28 % para os últimos 7 días.

Ao comparar os datos da sexta onda cos datos de terceira e a quinta obsérvase un descenso progresivo das taxas de hospitalización en planta, UCI así como das defuncións. Mentres que ao comparar as taxas a 7 e 14 días da sexta coa quinta onda no día 71 de evolución de ambas, a hospitalización en planta é superior na sexta onda e a hospitalización nas UCI é inferior, o cal indica que os casos son máis leves, como corresponde á variante Ómicron. A variante Ómicron é a predominante e substituíu á variante delta.

Nos centros socio-sanitarios de persoas maiores obsérvase un aumento de casos, das taxas de ingresos e das defuncións acumuladas a 7 días.

Entre o 15 e o 21 de xaneiro, realizáronse 104.568 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (43.959 PCR e 60.609 test de antíxeno) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 21,58 %. A incidencia acumulada a 7 días é de 1523,68 casos por cen mil habitantes, inferior á da semana previa que era de 1848,87, e a 14 días é de 3372,80, superior a respecto da semana anterior na que era de 3186,71. A razón de taxas a 7 días foi de 0,82 % e a 14 días 1,06 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 7 días das áreas están entre os 1076,34 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 1714,03 de Vigo. As taxas a 14 días das áreas están entre os 2524,23 casos por 100.000 habitantes de Ferrol e os 3871,41 de Vigo. Por áreas sanitarias, e igual ca no global de Galicia, a incidencia a 7 días diminúe en todas as áreas. A incidencia a 14 días unicamente diminúe nas áreas sanitarias de Ourense e Ferrol. A razón de taxas a 7 días é de 0,82, variando entre o 0,74 de Ferrol e o 0,87 de A Coruña, mentres que a de 14 días está entre o 0,95 de Ourense e o 1,10 de Pontevedra.

No conxunto de Galicia a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días mantívose en 13,32 ingresos por 100.000 habitantes. Na UCI a taxa de ingresos matívose no 0,81 ingresos por 100.000 habitantes na actualidade. A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días foi 28,28 en planta e de 1,48 nas UCI.

No que atinxe aos datos de incidencia por grupos de idade, a incidencia acumulada a 7 días pon de manifesto un descenso no conxunto de Galicia para todos os grupos, agás o de 0 a 11 anos, que é o que presenta a taxas máis elevada. Para o grupo de 0 a 11 anos obsérvase un incremento das taxas a 7 e 14 días en todas as áreas sanitarias. Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos a incidencia é de 590,70 casos por 100.000 habitantes.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, aumenta en todos os grupos, agás no de 20 a 29 anos e no de 40 a 59 anos, con respecto á semana anterior. No que se refire ás persoas de 65 e máis anos a incidencia é de 1337,55 casos por 100.000 habitantes, superior á da semana previa.

A tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia, o primeiro deles, ata o 24 de agosto, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -3,3 %, séguelle outro tramo cunha velocidade de decrecemento máis rápida, cunha PCD do -7,0 % e identifica outro punto de cambio o 10 de outubro, en sentido crecente, cunha PCD do 6,9 %.

Desde o 10 de xaneiro obsérvase un claro cambio na tendencia que pasa a ser decrecente cunha PCD do -2,4 %.

IV

Segundo o exposto, e tendo en conta os datos de evolución reflectidos no informe citado, acométense na presente orde diversas modificacións que veñen impostas non só pola situación epidemiolóxica, senón pola necesidade de establecer mecanismos e regras proporcionadas e adecuadas á situación actual.

Así, mediante a presente orde, modifícase a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de permitir expresamente a celebración de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé, establecendo un máximo de 8 persoas por grupo no interior e quince no exterior. Elimínase a exixencia de que o público permaneza sentado en todo caso durante o desenvolvemento de actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas e en espectáculos musicais/artísticos ao aire libre. Finalmente, amplíase o número máximo de persoas por mesa ou agrupación de mesas nas terrazas dos establecementos de hostalaría ou restauración e de lecer nocturno, que pasa de dez a quince.

Por outra banda, modifícanse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de permitir o consumo en barra nos establecementos de hostalaría e restauración e nos de lecer nocturno. Tamén se amplían os horarios de funcionamento dos referidos establecementos, de tal xeito que o horario límite de peche ao público nos establecementos de hostalaría e restauración será á 1.00 horas, agás as noites do venres ao sábado, as noites do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, que será á 1.30 horas. No caso dos establecementos de lecer nocturno, o horario límite de peche ao público será ás 4.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de pubs e de cafés espectáculo, salvo as noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, en que o horario límite será ás 4.30 horas. O horario límite de peche ao público será ás 5.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de salas de festa ou discotecas.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde teñen unha eficacia temporal dado que as ordes que modifican tamén a teñen. Así mesmo, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas recollidas nela seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, ao introducir modificacións que teñen por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade actual.

V

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 3 do punto 3.5 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«3. Permítese a realización de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata oito persoas no interior e quince na terraza».

Dous. Modifícase o número 2 do punto 3.14 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. Permítese a realización de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata oito persoas no interior e quince na terraza».

Tres. Modifícase o número 2 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, e en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderán desenvolverse co 100 % da capacidade máxima permitida.

En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4».

Catro. Modifícase o número 4 do punto 3.21 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«4. Os espectáculos musicais/artísticos ao aire libre poderán desenvolverse co 100 % da ocupación máxima permitida. En todo caso, sen prexuízo do indicado, resultarán de aplicación as medidas sanitarias previstas nos protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre».

Cinco. Modifícase o número 1 do punto 3.22 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración nos bares, nas cafetarías e nos restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de oito persoas no interior e de quince persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Seis. Modifícase o punto 3.34 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, que queda redactado como segue:

«3.34. Establecementos de lecer nocturno.

Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Segundo. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 3 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será á 1.00 horas, agás as noites do venres ao sábado, as noites do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, que será á 1.30 horas».

Dous. Modifícase o número 6 do punto 3.1 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«6. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal».

Tres. Modifícase o número 3 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal».

Catro. Modifícase o número 4 do punto 3.2 do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. O horario límite de peche ao público será á 1.00 horas, agás as noites do venres ao sábado, as noites do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, que será á 1.30 horas».

Terceiro. Modificación da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase a alínea h) do punto 3.2.2 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«h) Permitirase o consumo en barra».

Dous. Modifícase o punto 3.2.5 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.2.5. Consumo en barra.

Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal, respectando en todo momento as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións».

Tres. Modifícase o número 3 do punto 4.1 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 4.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de pubs e de cafés espectáculo, salvo as noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, en que o horario límite será ás 4.30 horas. O horario límite de peche ao público será ás 5.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de salas de festa ou discotecas».

Catro. Modifícase o número 3 do punto 4.2 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 4.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de pubs e de cafés espectáculo, salvo as noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, en que o horario límite será ás 4.30 horas. O horario límite de peche ao público será ás 5.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de salas de festa ou discotecas».

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 29 de xaneiro de 2022 ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade