Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59-Bis Venres, 25 de marzo de 2022 Páx. 19904

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de marzo de 2022 pola que se prorrogan a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare, de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e de protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición a eses riscos, conforme o que se establece nesta lei. Tal deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen a ser de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio das máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; coa Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e coa Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na devandita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, de distancia interpersoal mínima, uso das máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 22 de outubro de 2021, establecéronse medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas medidas consistiron, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e na determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación de capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se produce nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña, hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de minorar a velocidade de transmisión.

A Orde do 26 de outubro de 2021 modificou a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A finalidade desta modificación era a de adaptar á evolución da situación epidemiolóxica as medidas contidas nela que regulaban as actividades desenvolvidas nos cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como nos establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. Tamén foron obxecto de modificación mediante a citada orde as regras sanitarias aplicables á realización de procesos selectivos por parte das administracións públicas e das entidades do sector público.

Así mesmo, mediante a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 6 de outubro de 2021, pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, introducíase unha nova modificación na Orde do 22 de outubro coa finalidade de adaptar a regulación dos albergues contida nela ás modificacións introducidas na referida orde, que permitían que a ocupación chegase ao 100 % no caso do cumprimento da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a ampliación ata un 100 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021 prorrogouse e modificouse a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. As modificacións introducidas tiñan por obxecto adaptar as medidas recollidas na devandita orde á realidade do momento e establecer limitacións ao número máximo de persoas nos cócteles e tamén nas mesas ou agrupacións de mesas nos establecementos de hostalaría e restauración, de lecer nocturno e locais de xogo e apostas.

A seguir, mediante a Orde do 15 de decembro de 2021, volveuse prorrogar a Orde do 22 de outubro de 2021 e introducíronse modificacións, que eliminaban así a posibilidade de realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e a evolución dos casos activos, e limitaban a interacción persoal nun tipo de actos en que os participantes simultanean a inxesta de alimentos e/ou bebidas e, polo tanto, están sen máscara nese momento, coa interacción grupal en espazos limitados.

Pola súa banda, cabe citar a Orde do 29 de decembro de 2021, pola que se modifican a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. A Orde do 29 de decembro tiña por obxecto adaptar a regulación relativa ao uso das máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro. Tamén establecía que o público debería permanecer sentado nas actividades desenvolvidas nos cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como nos establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra sería de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre. Ademais, reduce a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas o número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno. Recóllense, por outra banda, medidas especiais de aplicación durante o período de Nadal.

Mediante a Orde do 13 de xaneiro de 2022 prorrogouse a eficacia das medidas contidas na Orde do 22 de outubro de 2021 ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.

Mediante a Orde do 11 de febreiro de 2022 modificouse de novo a Orde do 22 de outubro de 2021 coa finalidade de adaptar a regulación relativa ao uso das máscaras ao disposto no citado Real decreto lei 30/2021, do 23 de decembro, e prorrogouse esta ata o día 26 de febreiro de 2022.

Polo que atinxe ás actividades de hostalaría, restauración e lecer nocturno, débese salientar que a súa regulación, que se contén na Orde do 22 de outubro, se completa coa recollida na Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. As ordes indicadas foron obxecto de sucesivas modificacións coa finalidade de adaptar o seu contido á evolución da situación epidemiolóxica na Comunidade Autónoma.

Neste contexto, mediante a Orde do 24 de febreiro de 2022, prorrogáronse e modificáronse a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

As modificacións introducidas pola Orde do 24 de febreiro de 2022 tiveron por obxecto incrementar as limitacións de ocupación por mesa ou agrupación de mesas nos servizos da hostalaría e restauración, que pasaron a dez persoas no interior e vinte persoas no exterior. Así mesmo, elimináronse as referencias ao rexistro de clientes. Tamén se ampliou ata o cen por cento a capacidade máxima permitida en albergues turísticos e en competicións deportivas, ben que a eficacia desta última medida comezou o día 4 de marzo, de conformidade co criterio establecido pola autoridade sanitaria estatal para todo o territorio nacional, logo de consenso coas autoridades sanitarias autonómicas.

A eficacia das medidas contidas na Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; na Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, prorrogouse, mediante a Orde do 24 de febreiro de 2022, ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022.

Finalmente, ditouse a Orde do 9 de marzo de 2022, pola que se prorrogan ata as 00.00 horas do día 26 de marzo de 2022; a Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia; a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

En vista da evolución da situación epidemiolóxica, cómpre prorrogar, mediante esta orde, a eficacia das medidas contidas nas ordes citadas ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022.

III

De conformidade co exposto, a prórroga das medidas establecidas nas disposicións citadas anteriormente vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma.

Así, do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 22 de marzo de 2022 destácanse os seguintes datos:

A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 490,35 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 1,14 e unha porcentaxe de positividade do 10,79 %.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nos de 65 e máis anos, é de 432,38 casos por 100.000 habitantes, superior ao 15 de marzo. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 1,33 e a porcentaxe de positividade é do 11,98 %.

Obsérvase un incremento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade, agás nos grupos de idade de 12 a 29 anos.

A tendencia amosa un aumento a partir do 26 de febreiro, cunha porcentaxe de cambio diaria do 1,1 %. A información do modelo de predición indica que a incidencia acumulada a 7 e a 14 días diminuiría.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días, nas unidades de agudos e críticos, respectivamente, é do 10,99 e 0,48. A porcentaxe de ingresos nas unidades de agudos dos casos dos últimos 7 días é do 2,09 % e, nas unidades de críticos, do 0,07 %.

A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 31,40 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, superior ao 15 de marzo. As taxas de ingresos por 100.000 habitantes na UCI é de 0,87 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de ingresos nas unidades de críticos neste grupo de idade é do 0,13 % para os últimos 7 días.

Ao comparar os datos da sexta onda cos datos da terceira e da quinta, obsérvase un descenso progresivo das taxas de hospitalización en planta e na UCI, así como das defuncións, o cal pode reflectir a efectividade da vacina na prevención de casos graves de enfermidade e falecemento pola COVID-19.

Cando se compara o día 85 da quinta e da sexta onda, obsérvase un aumento das taxas de hospitalización na UCI e en planta na sexta onda en relación coa quinta.

A variante Ómicron é a predominante. Entre o 13 e o 18 de marzo realizáronse 42.052 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (19.562 PCR e 22.490 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 17,45 %.

Desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, Chuvi, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 9/2022 (do 28 de febreiro ao 6 de marzo), a porcentaxe de positividade para a variante Ómicron foi do 100 %. As subliñaxes de Ómicron foron: NO-BA.2, o 60 % (IC95 %: 57 %-63 %), e Ómicron BA.2, o 40 % (IC95 %: 37 %-43 %).

Ata a oitava semana, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 2.669 casos da variante Delta con secuenciación completa, 967 casos da variante Alfa con secuenciación completa, da variante Beta (B.1.351 ou surafricana) 43 por secuenciación completa, da variante Gamma (P1 ou brasileira) 85 casos por secuenciación completa e da variante Alfa coa mutación E484K cinco casos por secuenciación completa.

Da variante Ómicron detectáronse 2.192 casos por secuenciación completa, dos cales: B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1: 891; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.1: 872; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.2: 197; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.1.14: 123; B.1.1.529 (Ómicron): 26; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.17: 38; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.1.1: 33; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.2.3:6; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.15: 3; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.8: 1; B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.14: 1 e B.1.1.529 (Ómicron)_BA.1.1.11: 1.

Ademais das VOC, tense constancia de tres mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana), nove mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York), 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 53 mostras coa variante Mu (B.1.621-colombiana).

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 490,35 e 921,38 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, valores superiores aos observados o 15 de marzo, en que eran de 442,57 e 892,92 casos por 100.000 habitantes, respectivamente.

A razón de taxas a 7 días é do 1,14 % e a 14 días é do 1,10 %.

No que atinxe á situación das áreas sanitarias, as taxas a 7 días das áreas están entre os 436,10 casos por 100.000 habitantes de Vigo e os 647,25 de Ferrol.

As taxas a 14 días das áreas están entre os 810,42 casos por 100.000 habitantes de Vigo e os 1.155,11 de Ferrol.

Por áreas sanitarias, igual ca no global de Galicia, a incidencia a 7 días aumenta en todas as áreas.

A razón de taxas a 7 días é de 1,14, que varía entre o 0,97 de Ourense e o 1,27 de Ferrol. A razón de taxas a 14 días é de 1,10, que varía entre o 0,98 de Ourense e o 1,41 de Ferrol.

En canto á incidencia acumulada a 7 días por grupos de idade, o grupo de 12 a 19 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 40 a 49 anos, e obsérvase un aumento no conxunto de Galicia para todos os grupos de idade, agás nos grupos de idade entre 12 e 29 anos. Se temos en conta todas as persoas de 65 e máis anos, a incidencia é de 432,38 casos por 100.000 habitantes.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, aumenta en todos os grupos, agás nos grupos de idade de 12 a 29 anos. No que se refire ás persoas de 65 e máis anos, a incidencia é de 757,17 casos por 100.000 habitantes, valor superior ao observado o 15 de marzo.

Obsérvase que as taxas a 7 e a 14 días se manteñen en todas as áreas sanitarias para todos os grupos de idade, agás a taxa a 14 días no grupo de 12 a 29 anos, na cal se observa un lixeiro descenso.

A tendencia diaria amosa, desde o 11 de novembro, tres tramos con diferente tendencia, o primeiro deles crecente, ata o 13 de xaneiro, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 6,5 %; o segundo tramo decrecente, ata o 26 de febreiro, cunha PCD do -4,1 %, e o terceiro tramo crecente, cunha PCD do 1,1 %.

No conxunto de Galicia, a taxa de ingresos en planta nos últimos 7 días é de 10,99 ingresos por 100.000 habitantes, superior á observada hai cinco días (9,73 ingresos por 100.000 habitantes). Na UCI, a taxa de ingresos descendeu de 0,59 a 0,48 ingresos por 100.000 habitantes no mesmo período de tempo.

Canto á porcentaxe de ingresos dos casos dos últimos 7 e 14 días, é do 2,09 % e do 2,10 %, respectivamente, nas unidades de agudos, e do 0,07 % a 7 e 14 días, nas unidades de críticos.

Nos últimos 7 días, os casos da COVID-19 no grupo de idade de máis de 65 anos presentaron unha porcentaxe de ingreso na unidade de hospitalización do 6,81 %, lixeiramente inferior ao 15 de marzo (6,93 %). A porcentaxe de ingreso na UCI ascendeu moi lixeiramente e pasou do 0,12 % ao 0,13 %. Nos últimos 14 días, a porcentaxe de hospitalización neste grupo de idade descendeu respecto do 15 de marzo, tanto na planta de agudos (do 7,51 % ao 7,39 %) como na UCI (do 0,36 % ao 0,13 %).

O informe recomenda, debido aos datos epidemiolóxicos e asistenciais reflectidos, o mantemento, para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, das medidas de prevención e control da pandemia vixentes na actualidade co obxectivo de consolidar o descenso da taxas de incidencia e diminuír o impacto da pandemia sobre o sistema sanitario.

IV

Segundo o exposto, resulta procedente e indispensable desde o punto de vista sanitario prorrogar as medidas establecidas, non só pola situación epidemiolóxica, senón pola necesidade de dar estabilidade aos mecanismos e ás regras que contribúan a asegurar a incipiente mellora da situación epidémica que estamos a vivir, partindo da experiencia previa adquirida ao abeiro das medidas adoptadas e que contribuíron adecuadamente á seguridade sanitaria da poboación.

Cómpre salientar que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas cuxa vixencia se prorroga terán unha duración que se estenderá ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022 e que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas previstas nesta orde seguen a resultar necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que asegurar a incipiente mellora da situación epidemiolóxica e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

V

As medidas que se prorrogan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021, pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Segundo. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Terceiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Cuarto. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 26 de marzo ata as 00.00 horas do 9 de abril de 2022.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas cuxa eficacia se prorroga serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade