A Xunta subliña no Barco de Valdeorras a necesidade de adaptar a formación dos máis novos ás demandas das empresas e dos concellos galegos
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro esta mañá no obradoiro de emprego deste municipio no que 13 menores de 30 anos se están formando en Gravación de datos e Produción fotográfica
O vindeiro venres, 21 de febreiro, remata o prazo de solicitude da nova orde de axudas de formación e aprendizaxe para mozos e mozas de ata 30 anos ao que se destinan 7 M€
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, subliñou hoxe no Barco de Valdeorras a necesidade de adaptar a formación dos mozos e mozas galegas desempregados ás demandas tanto das empresas como dos concellos nos que viven para, deste xeito, mellorar a súa empregabilidade.
Casal estivo esta mañá no obradoiro de emprego que este concello está celebrando neste municipio ourensán no que participan 13 menores de 30 anos inscritos no ficheiro de garantía xuvenil. O alumnado prepárase para a obtención do certificado de profesionalidade de Gravación de datos de nivel 1 e de Produción fotográfica de nivel 3, ademais de realizar actuacións relacionadas con estas materias, como a dixitalización de expedientes e documentación histórica e inventario, organización, clasificación, descrición e instalación de expedientes dos arquivos do concello.
A Xunta ofrece este ano un novo programa destinado a menores de 30 anos no que se investirán 7 M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e ofrecer 300 prazas para mozos e mozas desempregados. O prazo para que os concellos presenten os seus proxectos e acceder ás axudas remata este venres 21 de febreiro.