A Área Sanitaria de Vigo conta cunha estrutura asistencial axeitada para atender aos pacientes con covid-19

O conselleiro de Sanidade visitou hoxe varias unidades hospitalarias: a de Coidados Intensivos, a de Coidados Respiratorios Intermedios e a Poscovid

García Comesaña agradeceu o traballo do persoal e interesouse pola actividade realizada e a ocupación hospitalaria actual

Expresou a súa confianza na robustez da sanidade publica viguesa e dixo que “o Álvaro Cunqueiro aínda ten capacidade e marxe suficiente para seguir atendendo pacientes, tanto críticos como de hospitalización convencional, nas mellores condicións”

Vigo, 18 de novembro de 2020

“A Área Sanitaria de Vigo dispón dunha estrutura axeitada e ben dimensionada, tanto en recursos físicos, humanos e dotacionais, para seguir dando resposta ás necesidades sanitarias da poboación nesta pandemia” Estas declaracións realizounas hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no transcurso da súa visita a algunhas unidades hospitalarias do Álvaro Cunqueiro.

Acompañado polo xerente da Área, Javier Puente, achegouse á Unidade de Coidados Intensivos, á nova Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios e á Unidade Poscovid, nas que interesouse polo seu nivel de ocupación e actividade; ademais, agradeceulle ao persoal a súa dedicación e bo facer nesta pandemia, “na que demostraron a súa capacidade de mobilización e de adaptación ás diferentes situacións nun contexto difícil e imprevisible”.

A Unidade de Coidados Intensivos do servizo de Medicina Intensiva conta cun área de 15 boxes dedicados especificamente ao ingreso dos pacientes covid-19, que ingresan cunha situación clínica moi comprometida. Dispoñen de modernos equipos tecnolóxicos, cun sistema de ventilación de altas prestacións, que lles permiten realizar as técnicas e procedementos clínicos máis avanzados. O conselleiro felicitou ao seu equipo de profesionais polos bos resultados acadados nesta pandemia, cun baixo índice de mortalidade para este tipo de dispositivos sanitarios. A UCI leva atendidos a 79 pacientes con covid-19, dos que seis faleceron.

Confianza na sanidade viguesa

O conselleiro visitou tamén a nova Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios, que acaba de ser posta en funcionamento para a hospitalización de pacientes con insuficiencia respiratoria aguda, ocasionada pola covid-19, e que poden beneficiarse das terapias con soporte respiratorio non invasivo.

Son pacientes que necesitan de coidados máis específicos e complexos que os da hospitalización convencional, pero sen chegar aos niveis de tecnificación dos ofertados nas Unidades de Coidados Críticos. No momento actual, nesta nova Unidade hai 4 pacientes ingresados.

García Comesaña puxo en valor o alto nivel tecnolóxico acadado coa monitorización integral das 10 camas desta Unidade xa que “con este sistema de toma de constantes dos enfermos de xeito automático e centralizado mellóranse os circuítos e procesos hospitalarios, así como a seguridade no rexistro da información. En consecuencia, increméntase a seguridade tanto para o persoal como para os pacientes”.

Por último, Garcia Comesaña achegouse á Unidade Poscovid, posta en marcha no pasado mes de marzo para estudar as posibles secuelas das pneumonías graves causadas polo SARS-CoV-2.

Esta Unidade, iniciativa do grupo Covid de Hospitalización e coordinada servizo de Pneumoloxía, realiza o seguimento dos pacientes e súa evolución funcional, fundamentalmente respiratoria, aos 3 e 12 meses de ser dados de alta hospitalaria.

Estes enfermos, algúns con ingresos prologados nas unidades de Críticos, son dados de alta cunha situación clínica impredicible, con riscos de complicacións e reingresos, non provocadas polo virus senón por descompensacións respiratorias e cardiovasculares.

Polo de agora, xa levan atendidos de xeito ambulatorio a 300 pacientes da primeira onda epidémica que sufriron pneumonías graves. Máis da metade deles continúan con síntomas tres meses despois de ter recibido a alta hospitalaria, aínda que na maioría dos casos con secuelas leves, e vanse recuperando paulatinamente.

“Unidades como estas garanten unha correcta continuidade asistencial aos pacientes” afirmou o conselleiro.

Tras a súa visita, o conselleiro expresou a súa confianza no sistema público de saúde e, en concreto, na solidez do Álvaro Cunqueiro para seguir facendo fronte á pandemia e dixo que “se ben nos últimos días xa empezou a incrementarse a presión asistencial, este hospital aínda ten capacidade e marxe suficiente para seguir atendendo pacientes, tanto críticos como de hospitalización convencional, nas mellores condicións”.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade