Trenor participou no acto de clausura do obradoiro de emprego de Touro, Boqueixón e Vedra
O representante do Goberno autonómico animou aos participantes a saír a buscar emprego co aval da mellor formación adaptada ás necesidades das empresas da contorna
Trenor lembrou que a Xunta xa resolveu a orde dos talleres de formación 2020-2021 e na área de Santiago se impartirán 8 cursos para desempregados
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Ulla, Boqueixón, Touro, Vedra 2019, no que participaron 20 alumnos e que contou con dúas especialidades repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Este curso para desempregados contou cun investimento de máis de 400.000 euros.
Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos se pospuxeron durante os meses de confinamento e SE retomaron cumprindo coa duración establecida inicialmente, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”.
O delegado da Xunta recalcou que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo o para emprender proxectos propios porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”. Neste senso, desexoulles aos participantes o mellor nestes meses de tanta dificultades e animou aos alumnos a poñer empeño e vontade para acadar os seus obxectivos.
O representante do Goberno autonómico lembrou a dobre utilidade destes cursos porque “por unha banda ofrecen aos participantes unha remuneración que lles permite poder poñer toda a atención na súa formación teórica e por outra, na parte práctica, céntranse en actuacións e na prestación servizos municipais polo que son moi valorados polos propios concellos que son os encargados da organización e da selección do profesorado e dos participantes”.
Durante a súa intervención, Trenor lembrou que a Xunta de Galicia aprobou a nova convocatoria de obradoiros e puntualizou que na comarca de Santiago está prevista a realización de oito talleres de formación cinco ordinarios duais e tres de garantía xuvenil, concretamente os ordinarios celebrarase en Ordes compartido con Frades e Mesía; en Santiago de Compostela; en Boqueixón, compartido con O Pino, Touro e Vedra; en Ames compartido con Brión e en A Baña compartido con Negreira, Santa Comba e Val do Dubra e os de Garantía Xuvenil nos concellos de Negreira, compartido con A Baña, Santa Comba e Val do Dubra; en Rois compartido con Padrón e Dodro e en Santiago de Compostela . A Xunta achega máis 2,7 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.
Os cursos que se impartirán son moi variados: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, confección de páxinas web, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, limpeza de espazos abertos e instalacións industriais, pintura decorativa en construción, fábricas de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns.