A Xunta colabora cos colexios profesionais na prevención do acoso sexual no lugar de traballo que afecta sobre todo ás mulleres
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe unha xornada formativa por videoconferencia do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia dentro da campaña de prevención do acoso sexual no traballo
Chamou a atención sobre as mulleres máis vulnerables ante o acoso: persoas soas con responsabilidades familiares, inmigrantes, mozas que acceden ao mercado laboral ou traballadoras con contratos eventuais
Para a secretaria xeral da Igualdade “o acoso laboral é aínda máis invisible que a violencia de xénero” pola escaseza de denuncias ao respecto
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe por videoconferencia unha xornada formativa sobre a aplicación da perspectiva de xénero no ámbito laboral dentro da campaña de prevención do acoso sexual nos lugares de traballo dirixida aos colexios profesionais que desenvolve a Xunta e que ten carácter pioneiro en España. Segundo manifestou, “o acoso sexual laboral é aínda máis invisible que a violencia de xénero”.
Traballar na aplicación da perspectiva de xénero e do principio de igualdade e non discriminación por razón de sexo no ámbito laboral e a prevención do acoso sexual no traballo son dúas formas de atallar expresións de violencia contra a muller. A formación constitúe un dos piares fundamentais nesta tarefa, tal e como subliñou López Abella. “O acoso sexual supón a vulneración de varios dereitos fundamentais: o dereito á liberdade sexual, á dignidade, á intimidade, e, por suposto, á non discriminación por razón de sexo e á saúde e a seguridade no traballo”, incidiu.
A secretaria xeral avogou pola necesidade de avanzar nunha “maior conciencia e sensibilización de traballadores, traballadoras, empresas, institucións, axentes sociais e cidadanía no seu conxunto” respecto á prevención e erradicación deste tipo de condutas no traballo.
O acoso sexual, tipificado como delito no código penal, afecta con especial incidencia ás mulleres vulnerables, tal e como esgrimiu a secretaria xeral da Igualdade. Neste grupo incluíu “mulleres soas con responsabilidades familiares -nais solteiras, viúvas, separadas e divorciadas-, mulleres que acceden por primeira vez a sectores profesionais ou categorías tradicionalmente masculinas, mulleres novas que acadan o seu primeiro traballo, mulleres con discapacidade, inmigrantes e/ou que pertencen a minorías étnicas, e mulleres con contratos eventuais e temporais ou en réxime de subcontratación”.
As mulleres sofren o 95 % dos casos de acoso sexual no traballo e existe un reducido índice de denuncias rexistrado, apuntou López Abella.
A prevención do acoso sexual atópase entre as medidas que se inclúen no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Neste sentido, a Xunta traballa desde 2018 coa Unión Profesional de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Auditoría de Xénero (Agaxen), con accións encamiñadas á prevención e loita contra a violencia de xénero e, de xeito particular, contra o acoso sexual. Estas entidades representan máis de 50.000 profesionais de todos os ámbitos derivados, sobre todo, de titulacións universitarias.
A Xunta foi a primeira Comunidade en levar a cabo actuacións de prevención e actuacións contra o acoso sexual nos centros de traballo dirixida aos colexios profesionais.