Medio Ambiente presentará o Plan Básico Municipal do Páramo a todos os veciños do concello

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, xunto coa arquitecta municipal, celebrarán un total de 16 encontros para informar do contido e do alcance desta ferramenta urbanística aos veciños

Tamén se lles fará entrega dun formulario modelo para presentar as alegacións que consideren oportunas, coa finalidade de establecer todas as vías de participación posibles co obxectivo de acadar un texto co maior consenso social posible

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciará a vindeira semana unha rolda de contactos para presentar o Plan Básico Municipal de Páramo a todos os veciños do municipio. Esta ferramenta de ordenación básica -recollida na Lei do solo- para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, foi aprobada inicialmente o pasado mes de decembro.

Na actualidade atópase en fase de información pública, polo que técnicos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o equipo redactor, xunto coa arquitecta municipal, celebrarán un total de 16 encontros para informar do contido e o alcance do plan básico municipal. Todos as reunións informativas se celebrarán na Casa do Concello en horario de 10 a 14 horas. Co fin poder manter e salvagardar as medidas de distanciamento social, os encontros organizáronse segundo o calendario que se indica a continuación:

Data
Parroquia
1 de febreiro
Saa
3 de febreiro
Vilarmosteiro
5 de febreiro
Neira e Vilasante
8 de febreiro
Santandrea, Samamede e Reascos
10 de febreiro
Piñeiro
12 de febreiro
San Martiño de Torre
17 de febreiro
Montaña de Friolfe
19 de febreiro
Friolfe
22 de febreiro
Adal
24 de febreiro
Vileiriz e Gondrame
26 de febreiro
San Vicente
1 de marzo
Ribas de Miño
3 de marzo
Grallás
5 de marzo
Villafiz
8 de marzo
Moscán
10 de marzo
Paredes

 


Nestas reunións, ademais de explicar a finalidade e funcionalidade do plan básico municipal, entregaráselle a cada participante un formulario modelo, por se quixeran presentar algunha alegación ou consideración respecto desta ferramenta de ordenación municipal, coa finalidade de establecer todas as vías de participación posibles co obxectivo de acadar un texto co maior consenso social posible.

Un plan básico municipal é unha ferramenta pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, co obxectivo de dotalos dun instrumento urbanístico básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Así, un plan básico municipal dota a un concello dunha ordenación básica, que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara, e motivara, aos concellos que se poden acoller a esta circunstancia, a Xunta asumiu directamente a redacción do primeiro Plan Básico Municipal, o do Concello do Páramo; e colabora técnica e económicamente con outros oito concellos que se atopan tramitando esta ferramenta de ordenación.

O Páramo, primeiro concello galego con plan básico municipal

Cómpre lembrar que no pasado mes de decembro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaba a orde de aprobación inicial do Plan Básico Municipal do Concello do Páramo, polo que se convertía no primeiro municipio galego en dispor desta ferramenta de ordenación.

Con esta sinatura abriuse a lista de municipios galegos con menos de 5.000 habitantes que se poden dotar desta ferramenta, coa que fixar un crecemento ordenado do seu concello e apostar por un urbanismo responsable; pois -xunto co Páramo- tamén se traballa redacción dos PBM de Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río.

Este impulso aos PBM por parte do Goberno galego é un dos múltiples paso avanzados ao longo desta última década cara un obxectivo fixado no ano 2009: dotar a Galicia dun urbanismo sostible e responsable e protexer a paisaxe.

Nesa década aprobáronse instrumentos e medidas, como as Directrices de Ordenación, o Plan de Ordenación do Litoral, e a Estratexia da Paisaxe Galega; e dotouse á comunidade dunha nova Lei do solo e dun Plan Básico Autonómico e, máis recentemente, o Parlamento galego aprobou un novo texto normativo que ten incidencia no urbanismo, como é a Lei de Ordenación do Territorio, que entrará en vigor a mediados deste mesmo mes.