Trenor agradece ao Colexio de Farmacéuticos da Coruña o seu esforzo e colaboración na loita contra a covid-19
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos representantes do Colexio de Farmacéuticos da Coruña. No encontro agradeceu o esforzo que están realizando na loita contra a covid-19 e a colaboración que están amosando co Sergas naquelas iniciativas que presentan.
Neste senso, o representante do Goberno galego lembrou o programa de colaboración entre Xunta e os colexios de farmacéuticos de toda Galicia para incrementar a capacidade de detección de novos casos covid entre persoas asintomáticas nos propios establecementos. Este programa, que se presentou onte, comezará como un plan piloto en seis farmacias de Pontevedra e está previsto que se estenda de forma voluntaria ao resto de farmacias das restantes provincias galegas, incluída a coruñesa.