Medio Ambiente sinala que a mellora da Praza da Constitución de Bande é unha actuación subvencionable do Programa de creación e mellora das infraestruturas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse coa alcaldesa de Bande, a que lle indicou que a orde sairá publicada no mes de marzo por un importe de 2,3 millóns de euros

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2021- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou á alcaldesa de Bande, Sandra Quintas Vázquez, que o proxecto de rehabilitación -que a administración pretende levar a cabo- na Praza da Constitución é unha actuación subvencionable ao abeiro do programa para execución de actuacións urbanísticas de creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Bande.

Segundo lle trasladou Ángeles Vázquez a previsión é que a Orde se publique no Diario Oficial de Galicia o vindeiro mes de marzo e estará dotada dun importe de 2,3 M€, para a execución de actuacións urbanísticas nos anos 2021 -2022. Recordou que estas axudas establecen un importe máximo de 95.000 euros por proxecto beneficiario.

Destacou que a finalidade do proxecto presentado por Bande é acorde ao espírito do programa posto en marcha pola Xunta no ano 2010, o Plan hUrbe, co fin de contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos, e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.

Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado, ou comprometido, un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que suporán a mobilización de 148,96 millóns de euros.

Nese sentido, recordou que o Concello de Bande se beneficiou deste programa en dúas ocasións: unha, para executar a humanización da contorna do Mercado do Xurés e, previamente, para a urbanización e instalación de alumeado público de alta eficiencia enerxética no parque do Concello; dous proxectos que implicaron un investimento de máis de 320.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente felicitou á alcaldesa polo proxecto que pretende executar e reiteroulle o apoio técnico da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para solventar as dúbidas administrativas e técnicas sobre este proxecto.

Imaxes relacionadas