A Xunta inviste 1,7 M€ nos cinco obradoiros da área metropolitana da Coruña que ofrecen formación e un acceso ao emprego a 100 persoas

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, puxo en valor hoxe estes programas mixtos que se desenvolven en Cambre, Abegondo, Oleiros, Arteixo e Betanzos e lembrou que a nova convocatoria xa está aberta

A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na nova edición 2021-2022 para formar de xeito especializado a 1.500 persoas sen emprego

Os obradoiros duais, cuxas axudas poden solicitarse ata o 3 de marzo, contarán cun orzamento de 23,1 millóns de euros para cualificar e favorecer o acceso laboral de 1.200 persoas desempregadas

O programa de emprego para persoas mozas, cuxos apoios poden pedirse ata o 2 de marzo, contará con máis de sete millóns de euros para beneficiar a preto de 300 menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que terán un contrato laboral de 12 meses

A Coruña, 6 de febreiro de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, fixo hoxe balance dos obradoiros de emprego que se están a desenvolver na actualidade na área metropolitana da Coruña e lembrou que a nova convocatoria de axudas para a edición 2021-2022 destes programas mixtos de formación e emprego xa está aberta.

Lado, en primeiro lugar, puxo en valor os cinco obradoiros que teñen lugar na actualidade nas localidades de Cambre, Abegondo, Oleiros, Arteixo e Betanzos. En total, 100 alumnos e alumnas sen emprego están a recibir formación especializada, ao tempo que acceden a un emprego. A Xunta inviste nesta actuación máis de 1,7 millóns de euros. Os programas están centrados na atención sociosanitaria a persoas dependentes, na recuperación de espazos verdes e na mellora de infraestruturas municipais.

Destacou a oportunidade que ofrecen os obradoiros ás persoas sen emprego, xa que durante o tempo que dura o programa, os participantes reciben un salario e, ademais, despois teñen a posibilidade de acceder a un posto de traballo nunha empresa da contorna. Tal e como apuntou a directora xeral, o obxectivo é ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. “Pretendemos, en consonancia coa Axenda de Emprego, incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria”, engadiu.

Lado, ademais, lembrou que a nova convocatoria de axudas xa está aberta. Os apoios para o desenvolvemento dos obradoiros para menores de 30 anos poden solicitarse ata o 2 de marzo, e un día despois, o 3 de marzo, pechará o prazo de inscrición para optar ás axudas dos obradoiros duais. En global, entre as dúas iniciativas, a Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas.

Lado destacou a importancia da colaboración entre as administracións locais para poñer en marcha estes programas e incidiu en seguir cooperando “para poder entre todos ofrecer máis oportunidades laborais ás persoas sen emprego”.

Na convocatoria do programa de emprego para persoas mozas menores de 30 anos, a Consellería de Emprego e Igualdade investirá máis de sete millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros que beneficien a preto de 300 mozos e mozas de 18 anos o máis inscritas e en situación de beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración. Os proxectos poderán ser promovidos por concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades.

Estes programas inclúen a posibilidade de que os alumnos e alumnos, ao remate dos obradoiros, poidan optar a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante un mínimo de seis meses a xornada completa para ocupacións nas materias impartidas na fase de formación.

Obradoiros duais

Os apoios destinados ao desenvolvemento dos obradoiros duais contan cun investimento de máis de 23,1 millóns e poden optar a eles os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas aos mesmos, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.

A Administración autonómica estima poder incrementar as oportunidades laborais de 1.200 galegos e galegas que se atopen en situación de desemprego coa realización destes 62 obradoiros duais. Os beneficiarios, ademais de optar a unha formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 9 meses de duración, ao tempo que desenvolverán servizos de interese xeral e social á comunidade. Ademais, ao remate dos obradoiros, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, ao tempo que poderán optar a un traballo posterior en empresas da contorna onde tivo lugar o obradoiro por un período mínimo de tres meses. A Xunta, para iso, concederá incentivos á contratación.

A Consellería de Emprego e Igualdade primará os obradoiros vinculados á formación forestal; á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; os que teñan por obxecto actuacións enmarcadas en proxectos de aldeas modelo, dirixidas á recuperación e rehabilitación arquitectónica e urbanística; e os promovidos por concellos que teñan todo o parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera.

Con respecto aos participantes nos obradoiros, priorizaranse ás persoas demandantes de emprego que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as mulleres vítimas de violencia de xénero; aqueles que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que non teñan titulación universitaria ou de FP de grao superior; e as persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas