A Xunta insta ao Estado a emitir en tres meses os seus informes sectoriais para avanzar na axilización da tramitación urbanística

Lembra que esta limitación nos prazos xa se implantou en Galicia a través da Lei do Solo de 2016, logrando desde entón acelerar de forma notable todos os trámites

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, defendeu esta proposta en nome do Goberno galego ante a Comisión Multilateral convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia defendeu esta semana ante o Goberno central a necesidade urxente de avanzar na axilización da tramitación urbanística, incidindo especialmente no atraso á hora de emitir os informes sectoriais preceptivos e as súas conseguintes repercusións sobre os prazos dos procedementos.

No marco da Comisión Multilateral de Urbanismo, Ordenación do Territorio e Arquitectura, convocada telematicamente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, instou ao Estado a incorporar nas normativas sectoriais da súa competencia a limitación a tres meses do prazo de emisión deste tipo de informes, con efecto positivo en caso de silencio.

Ao respecto, lembrou que esta medida xa se implantou na comunidade fai cinco anos a través da Lei 2/2016, do solo de Galicia, acreditándose desde entón unha axilización real e notoria en todos os trámites urbanísticos, polo que animou ao Executivo central a seguir o exemplo da Xunta implementando as súas propias normativas.

Durante a Comisión Multilateral cos representantes autonómicos tamén se abordaron outros asuntos de interese e que requiren dunha acción coordinada a nivel nacional, como o Plan de resiliencia e recuperación estatal, a implementación dos plans de acción da Axenda Urbana e de Rehabilitación, ou a nova Lei de Arquitectura e calidade do entorno construído, unha materia na que tamén está a traballar a Xunta de Galicia co fin de dotar á comunidade a medio prazo da súa propia normativa sectorial.

Imaxes relacionadas