Luis López convida aos 2.700 veciños de Vilaboa citados ao cribado de detección da covid-19 a que asistan masivamente co obxectivo de "protexer a saúde e frear os contaxios"
O delegado territorial, que acudiu á segunda xornada xunto ao xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, destaca o “compromiso e esforzo” do Sergas para realizar estas probas orientadas á detección de casos asintomáticos
A iniciativa, organizada pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, oriéntase a persoas de entre 40 e 79 anos, que foi a franxa determinada polos criterios sanitarios e sociais, e celébrase no Centro de Atención Primaria do Toural
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, acudiu esta tarde ao Centro de Atención Primaria do Toural, no Concello de Vilaboa, para supervisar o cribado de detección da covid-19, impulsado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e fixo un chamamento aos 2.722 veciños convocados para que participen masivamente nestas probas “co obxectivo de detectar casos asintomáticos para frear a transmisión e os contaxios e protexer a saúde da veciñanza”.
O representante autonómico, que compareceu acompañado do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e do alcalde de Vilaboa, César Poza, quixo destacar o “compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os territorios e, especialmente, na provincia de Pontevedra, onde se citou a máis de 60.000 persoas a estas probas nas últimas semanas. Así, celebráronse en Vigo, Poio, Silleda, Forcarei, A Cañiza, Salvaterra, A Estrada, Soutomaior, Ponteareas, Lalín, Moraña, Caldas de Reis ou Ponte Caldelas, entre outras localidades, ás que hai que engadir os cribados máis pequenos, como os dos centros educativos ou os orientados a colectivos específicos.
“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso de Vilaboa, que ten 33 casos a día de hoxe e unha incidencia próxima aos 600 casos por cada 100.000 habitantes, aínda que superaba os 800 hai unha semana, e tamén presenta outros parámetros determinantes para a execución dun cribado”, manifestou o delegado.
Luis López, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso, reiterou a importancia da participación “para cortar de raíz os actuais niveis de contaxios” en Vilaboa e explicou que a poboación diana seleccionada, de 2.722 veciños de entre 40 e 79 anos, determinouse en base a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio “para optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello, aínda que en descenso, precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”.
Este proceso de cribado prolongarase durante tres xornadas, xa que comezou onte e os controis tamén se extenderán ata mañá pola tarde -comezando sempre ás 15.30 horas-, e efectuarase a través de tests rápidos de antíxenos con mostra nasofarínxea. Serán realizados por medio de tres equipos de enfermería en cada quenda, que acometerán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios, que están sendo convocados de xeito gradual por SMS informándolles da correspondente cita. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.
Finalmente, Luis López confirmou que esta mesma semana haberá novos cribados preventivos en diversos complexos residenciais da área sanitaria, xa que están programados nos centros Méndez Núñez de Pontevedra, Valvanera de Cambados e Bata de Vilagarcía de Arousa o xoves 18 e nas residencias capitalinas de Campolongo e Saraiva e na de Marín o sábado 20.