A Xunta inicia mañá na área compostelá a vacinación fronte á covid a maiores de 80 anos, que o luns se estenderá ao resto de Galicia

A deste venres trátase dunha xornada piloto do proceso de vacinación, á que están citados 569 usuarios en 8 centros de saúde

Na área compostelá vacinaranse máis de 34.000 octoxenarios, que se sumarán aos máis de 3.000 maiores xa vacinados nas residencias

Santiago de Compostela, 18 de febreiro 2021

A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza realiza mañá a xornada piloto da vacinación fronte á covid a maiores de 80 anos de Galicia. Nesta semana, un equipo de 10 traballadores de servizos xerais e un coordinador empezaron a contactar con máis de 34.000 octoxenarios que restan por vacinar na área sanitaria compostelá, e que se sumarán aos máis de 3.000 maiores de máis de 80 anos xa vacinados nas residencias sociosanitarias.

Así, mañá están citadas 569 persoas en 8 puntos de vacinación para administrarlles a vacina contra a covid.

O persoal de enfermería dos 8 equipos de vacinación da área desprazaranse, a partir do luns e de xeito paulatino, aos 16 puntos de vacinación nos que ata o venres da próxima semana citaranse a uns 5.500 usuarios maiores de 80 anos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidad