A Xunta destina en Lugo 158.000 euros aos axentes sociais para que impartan formación en prevención de riscos laborais

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que sete asociacións empresariais e sindicatos organizaron cursos e xornadas para mellorar a seguridade no traballo

Lugo, 26 de febreiro de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade destina en Lugo máis de 158.000 euros a financiar accións formativas en prevención de riscos laborais que impartiron os axentes sociais durante os últimos meses.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sinalou que os destinatarios finais destas accións son os traballadores en xeral -activos ou en situación de desemprego-, autónomos, delegados de prevención e outras persoas que asuman esta tarefa nas empresas.

As entidades beneficiarias, responsables de organizar os cursos e xornadas, foron a Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo, a Federación Empresarial de Produtores de Pesca (Fegapesca), a Fundación para a Pesca e o Marisqueo, a Federación Galega de Comercio, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostelaría e Turismo (APEHL), e a Asociación Provincial de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo.

As achegas están destinadas á realización de accións formativas e de fomento da prevención de riscos laborais de carácter sectorial, incluída a realización de estudos sobre sinistralidade e medidas de prevención adaptadas a sectores concretos de actividade.

O importe máximo subvencionable por cada xornada de sensibilización é de 1.500 euros, e no caso dos cursos depende da duración e da materia. En todo caso, o importe máximo para cada entidade é de 30.000 euros, contía que alcanzaron en Lugo tres dos beneficiarios.