A Xunta volverá colaborar coa Federación de Veciños de Lugo mediante a entrega de árbores para plantar con motivo do Día Forestal Mundial
A Xunta de Galicia colaborará de novo este ano coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para conmemorar o Día Forestal Mundial o próximo 21 de marzo, mediante a distribución de exemplares de especies arbóreas autóctonas procedentes dos viveiros dos Trollos (Bóveda) e Sambreixo (Guitiriz), ambos dependentes da Consellería do Medio Rural.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tras reunirse hoxe con membros da directiva da federación, entre eles o seu presidente, Jesús Vázquez. O colectivo repartirá os exemplares que reciba entre diferentes asociacións da provincia para plantalos en distintos concellos.