A Xunta contempla este ano un orzamento de 278.000€ para a mellora de camiños municipais nos sete concellos da bisbarra de Caldas ao abeiro do Plan Marco
O delegado territorial, Luis López, acude ao Concello de Portas, para o que están consignados 43.168€ deste programa, e visita co alcalde, Ricardo Martínez, a parroquia de Lantaño, que será a beneficiaria desta actuación
Portas supera os 315.000€ de fondos da Consellería do Medio Rural nos últimos cinco anos para a remodelación de camiños e ten abertos dous procedementos de concentración parcelaria en Briallos e Romai
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas, tal e como facemos dende a Xunta, para mellorar a súa mobilidade e facilitar as labores agrogandeiras”, destaca o representante rexional
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de 278.000€ para a mellora de camiños municipais nos sete concellos da bisbarra de Caldas ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou esta mañá o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Portas.
O representante autonómico mantivo un encontro de traballo co alcalde, Ricardo Martínez, ao que lle transmitiu que para este concello están consignados un total de 43.168€ ao abeiro deste programa e posteriormente desprazáronse ata a parroquia de Lantaño, que será a beneficiaria desta actuación.
Ademais da achega ao Concello de Portas, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar, co Plan Marco, 44.305€ a Caldas de Reis, 44.880€ a Cuntis, 39.022€ a Valga, 37.373€ a Catoira, 36.464€ a Pontecesures e 33.001€ a Moraña.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar as labores agrogandeiras que, no caso dun municipio como Portas, son chave para a súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello supera os 315.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de camiños nos últimos cinco anos entre os plans Marco e PIR.
Así, e grazas a estas achegas, o Concello de Portas modernizou ata unha decena de vías municipais en lugares como Romai, Portas, Lantaño, Briallos, Barreiro, Rapeira e Currás. Estes dous últimos veñen de beneficiarse recentemente destas melloras, xa que remataron hai algunhas semanas coas obras sufragadas coa convocatoria do ano 2020.
Paralelamente, e tamén no marco das infraestruturas agrarias e rurais, a Xunta ten abertos na actualidade dous procedementos de concentración parcelaria no Concello de Portas, correspondentes coas parroquias de Briallos e Romai. A primeira atópase na fase de enquisa previa ao acordo de reestruturación, mentres que a segunda xa chegou á publicación das bases definitivas.
En ambos casos, Luis López amosou a súa confianza en que os traballos da consellería “seguirán avanzando axilmente nos vindeiros meses para que os propietarios dos novos predios resultantes poidan tomar posesión deles canto antes”, pero tamén solicitou comprensión, xa que se trata de procesos de gran complexidade técnica.