A Xunta licita por 647.000 euros a mellora da estrada LU-546 entre Nadela e Maceda e na travesía de Sarria

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 19 de abril

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá continuidade así ás obras executadas nos últimos meses noutro tramo de case 11 quilómetros

A actuación forma parte dun proxecto de acondicionamento de tres vías autonómicas que inclúe a LU-636 e a LU-741 e suma un orzamento de 1,7 millóns de euros

Sarria (Lugo), 25 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar a execución de obras de reforzo do firme na estrada LU-546 (Nadela-Monforte de Lemos), nun treito de 10,6 quilómetros entre Nadela (Lugo) e Maceda (O Corgo) e na travesía de Sarria, onde se actuará en case un quilómetro. O orzamento é de 647.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), presentou hoxe en Sarria os traballos, que terán un prazo de execución estimado de seis meses.

As actuacións programadas consistirán na realización de fresados localizados e a reposición do firme con mestura bituminosa en quente a carril completo. Na localidade sarriá renovarase a calzada en toda a lonxitude da travesía. Posteriormente instalarase nova sinalización horizontal en todas as zonas acondicionadas.

Arias explicou que a Xunta dá continuidade así ás obras de mellora que foron executadas nos últimos meses noutros 10,7 quilómetros deste vial ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria. Segundo salientou, este tramo é polo que se desvía o tráfico cando é preciso facer cortes puntuais para executar as obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria

Así mesmo, o departamento de Infraestruturas acaba de rematar a execución dunha glorieta na intersección desta vía coa LU-652 no municipio de Bóveda, co fin de reforzar a seguridade viaria na contorna.

Arias incidiu en que a Xunta “continúa planificando obras de mellora e conservación das estradas lucenses, ás que destina importantes recursos coa finalidade de que as persoas usuarias poidamos contar cunhas comunicacións modernas e seguras”.

Esta intervención está incluída nun proxecto de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que tamén contempla melloras na LU-636 e na LU-741. Todas estas obras veñen de saír a licitación por un importe total próximo a 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o 19 de abril.

Imaxes relacionadas