Fernández-Tapias destaca o importante esforzo realizado polo conxunto do complexo mar-industria durante a crise sanitaria
A delegada territorial da Xunta sinala que o Executivo autonómico destina na convocatoria de axudas deste ano 16 millóns de euros para investimentos de mellora nas instalacións das pemes de transformación dos produtos do mar
Ademais as empresas galegas de transformación disporán este ano de axudas para compensar parcialmente a caída de ingresos do 2020 pola covid-19 e a saturación dos mercados tras o levantamento do estado de alarma
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou Frigoríficos Iberport, onde destacou o importante esforzo realizado polo conxunto do complexo mar-industria durante a crise sanitaria e recordou que o Executivo galego puxo a disposición das pemes de transformación dos produtos do mar 16 millóns de euros para investimentos nas súas instalacións. Esta cantidade enmárcase na convocatoria deste ano das achegas destinadas a este fin e que están cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Desta contía, seis millóns de euros son para a anualidade 2021 e a cifra restante, 10 millóns de euros, para a anualidade 2022. A través destas achegas, lembrou Fernández-Tapias, apóiase ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental.
Durante a visita a Iberport, na que estivo acompañada polo seu presidente Manuel Fernández-Carballido, e unha das súas directivas Patricia Fernández, a delegada puxo en valor estas axudas activadas pola Consellería do Mar e das que na convocatoria do ano pasado se beneficiaron seis proxectos da área territorial de Vigo por un importe que roza o millón de euros.
Así, a representante autonómica tivo a oportunidade de coñecer a maquinaria de procesado de peixe e empaquetado que a empresa viguesa adquiriu con cargo a este programa no 2019 e as melloras que está a facer nas instalacións do porto vigués para as que solicitara o apoio do Goberno galego.
Ademais a delegada territorial lembrou que para este ano están previstos apoios ás empresas galegas de transformación para compensar parcialmente a caída de ingresos rexistrada no ano 2020 pola covid-19. Unha medida que, tal e como recordou, se enmarca no plan Avantemar, o programa deseñado polo Executivo autonómico con apoios para adecuar as estruturas produtivas das empresas ás necesidades derivadas da pandemia e a reorientar a produción ás novas demandas comerciais xeradas como consecuencia da mesma.
Frigoríficos Iberport
Frigoríficos Iberport é unha empresa familiar do Porto de Vigo con gran traxectoria profesional no sector pesqueiro desde hai máis de 40 anos. Dedicada á selección, transformación e conxelación de peixe fresco, as súas instalacións frigoríficas no propio porto pesqueiro contan co valor engadido de poder conxelar o produto minutos despois de ser descargado polos barcos. Actualmente exporta a Europa, África, Oriente Medio e China e tamén conta con instalacións no polígono empresarial de Ribadavia.