A conselleira do Mar inaugurou a conferencia final do proxecto europeo Alertox-Net
A Xunta destaca a contribución do proxecto Alertox-Net na detección de toxinas mariñas emerxentes
Esta iniciativa internacional na que participou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño permitiu desenvolver novos métodos para a detección deste tipo de toxinas
Tamén contribuíu a centrar a atención nos novos riscos derivados do cambio climático, o que permite ás administracións velar pola produción de especies mariñas, polo desenvolvemento sustentable dos cultivos e pola seguridade alimentaria
A titular de Mar agradeceu ás entidades participantes neste proxecto o seu traballo por potenciar o progreso de novas estratexias para a óptima explotación e comercialización dos recursos mariños
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor os resultados obtidos no proxecto internacional Alertox-Net centrado nas alertas para facer fronte ás toxinas mariñas emerxentes. Esta iniciativa, na que participou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), permitiu desenvolver novos métodos para a detección deste tipo de toxinas e tamén contribuíu a centrar a atención nos novos riscos derivados do cambio climático. Así o expuxo a titular de Mar durante a inauguración da conferencia final deste proxecto que se celebra nas modalidades telemática e presencial en Santiago.
Alí Rosa Quintana tamén salientou os beneficios que supón Alertox-net para a cidadanía pois, ao permitir contar con novos procedementos de análise, detectar os niveis de toxicidade nos recursos e paliar os seus efectos, os produtores poderán garantir a entrega segura do produto aos consumidores e a industria alimentaria poderá aumentar a seguridade no consumo. Ademais, o feito de establecer os posibles indicadores de risco relacionados co cambio climático permite ás administracións velar pola produción de especies mariñas, polo desenvolvemento sustentable dos cultivos e pola seguridade alimentaria.
Todo isto redunda, explicou Rosa Quintana, na obtención da mellor predición de risco de orixe natural, climatolóxico e humano e na prestación de asesoramento científico para satisfacer as necesidades das partes interesadas. Deste xeito, engadiu, “controlamos a calidade do medio mariño velando pola seguridade alimentaria e tamén as patoloxías dos moluscos bivalvos protexendo a saúde animal”.
Este labor é froito das 11 entidades que forman parte de Alertox-net, ás que a conselleira agracedeu o seu traballo “por potenciar o progreso de novas estratexias para a óptima explotación e comercialización dos recursos mariños valorizando a biodiversidade na que se desenvolven”.
A conselleira destacou en particular a contribución dos membros do grupo de investigación Farmatox da Universidade de Santiago de Compostela e do profesor Luis Miguel Botana, investigador principal do proxecto. Tamén salientou o labor da DOP Mexillón de Galicia, un dos socios de interese de Alertox-net, pois “o sector bateeiro será o gran beneficiario das conclusións deste proxecto”. A maiores puxo en valor o papel do Intecmar dentro desta iniciativa “pola súa actividade exemplar a nivel internacional”.
Ademais a titular de Mar definiu ao proxecto Alertox-net e aos anteriores neste eido como “o camiño da excelencia internacional investigadora que proporciona e seguirá proporcionando procesos de vangarda de gran valor e que reforzarán a capacidade innovadora e a competitividade das industrias mariñas”.
Alertox-net
Alertox-net é un proxecto integrado por países da franxa Atlántica Europea que traballaron no estudo e evolución das toxinas emerxentes nesta área co fin de desenvolver ferramentas que poidan garantir unha maior seguridade a produtores e consumidores. Esta iniciativa contou con tres millóns de euros de financiamento europeo a través do mecanismo de financiamento Interreg Atlantic Area e dá continuidade a outros anteriores desenvolvidos baixo o liderado da USC como Atlantox e Pharmatlantic.
Alertox-net está liderado polo grupo de investigación Farmatox da USC e nel participan 11 entidades de cinco países do Arco Atlántico (España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido) representados por diferentes centros entre os que se atopa o Intecmar, dependente da Consellería do Mar. Outros centros que forman parte do proxecto son o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway; a Universidade de Queens, de Belfast, o Cefas do Reino Unido, o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer de Nantes, o Ciimar da Universidade de Porto e a Fundación AZTI de Bilbao.
O labor do Intecmar dentro desta iniciativa centrouse en aspectos de coordinación rexional e na participación no desenvolvemento de métodos analíticos para realizar o seguimento das toxinas emerxentes. No proxecto, que comezou en 2017, tamén se traballou con outros laboratorios galegos autorizados para a análise de toxinas mariñas para poñer en común as metodoloxías desenvolvidas e obter a súa opinión sobre a utilidade práctica do traballo realizado no proxecto.
A conferencia final de hoxe está dirixida ao sector produtor, ás administracións, aos centros académicos e de investigación e aos consumidores en xeral. Na xornada persoal técnico especializado do Intecmar e doutros centros investigadores de Galicia, Francia, Reino Unido e Cataluña, explicarán en distintas intervencións o seu labor para controlar e monitorizar a presenza de toxinas mariñas tanto nas costas galegas como no resto da franxa atlántica europea, os avances na análise e eliminación de toxinas e a avaliación das toxinas emerxentes.