A Policía Autonómica realizou 66 inspeccións e tramitou 14 denuncias durante a pasada fin de semana na provincia de Pontevedra nos controis de medidas ante a covid-19
Os 35 dispositivos despregados enmárcanse no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación do coronavirus, no marco da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias
Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Barro, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Nigrán, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Silleda, Vigo e Vilaboa
Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada fin de semana un total de 35 dispositivos e 66 inspeccións na provincia de Pontevedra no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes fronte á covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes actuaron en 15 concellos da provincia nesta fin de semana e tramitaron un total de 14 denuncias por outras tantas infraccións.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 26 e o 28 de marzo para controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os dispositivos leváronse a cabo nos municipios de Baiona, Barro, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Nigrán, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Silleda, Vigo e Vilaboa.
En canto á tipoloxía das denuncias cursadas polo corpo autonómico, a meirande parte delas correspondéronse co incumprimento do uso obrigatorio da máscara, cun total de 12 infraccións, mentres que as dúas restantes producíronse por fumar sen respectar a distancia interpersoal de seguridade.
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 31 concellos, nos que que se rexistraron 77 operativos cun total de 161 inspeccións, con 173 persoas identificadas e 43 denuncias tramitadas. Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración xeral entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias, e que está a intensificarse para o control das medidas fronte á covid-19.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais ou a prevención do botellón, entre outras tarefas.