A Xunta impulsa a participación veciñal coas axudas para que as asociacións poidan mellorar locais e espazos públicos ou traídas de auga

O delegado territorial, Javier Arias, visitou a sede da asociación de veciños de San Andrés de Castro, en Lugo, reformada cunha achega autonómica de 13.700 euros

A convocatoria do pasado ano sufragou na provincia 29 proxectos cun investimento total de 379.400 euros

Lugo, 29 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o local social da asociación de veciños de San Andrés de Castro, en Conturiz (Lugo), que foi reformado nos últimos meses cunha achega de 13.700 euros da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Arias destacou que a Administración galega impulsa a participación veciñal a través da liña de axudas a asociacións para a mellora de locais e espazos públicos ou traídas de auga. Ao respecto, lembrou que na convocatoria do 2020 este programa sufragou na provincia 29 proxectos con apoios que sumaron 379.400 euros. No caso concreto do concello de Lugo, resultaron beneficiarias tamén a asociación de ‘Peizal Outeiro’ e ‘Os seis muíños’.

O delegado destacou que a Xunta mantén este ano a mesma partida orzamentaria do anterior, a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. “O obxectivo é fomentar a participación dos veciños e veciñas, habilitando espazos de encontro que permitan acoller actividades e dinamizar a vida social, e mellorando as dotacións que inciden na calidade de vida local”, apuntou.

As achegas ás tres asociacións do municipio de Lugo ao abeiro da pasada convocatoria serviron para executar obras de acondicionamento nos locais sociais de cada unha delas. Así, a asociación de San Andrés de Castro instalou na entrada unha estrutura metálica para crear un porche cuberto e unha varanda para mellorar a accesibilidade. Tamén se pintaron os paramentos exteriores e as paredes, teitos e portas interiores. Incorporaron un equipo de climatización e diverso mobiliario, como mesas, bancos ou cadeiras.

Pola súa banda, a asociación de veciños ‘Peizal Outeiro’ acometeu a segunda fase da rehabilitación da antiga casa reitoral de San Vicente de Pedreda, cunha achega de 12.000 euros. A actuación consistiu na eliminación dunha parede para unir a planta baixa, construción de dous aseos e colocación de falso teito.

Por último, a asociación ‘Os seis muíños’ mellorou o illamento e o acceso á súa sede en Santalla de Lamas, instalando unha nova cuberta e un canlón para o desaugue e construíndo unha rampla de acceso. Obtiveron unha achega de 8.000 euros.

A axuda económica que se concede pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

Poden ser beneficiarias as asociacións de veciños -e federacións ou similares-, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais, e son subvencionables os investimentos para obras e equipamentos en inmobles da súa titularidade, ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais.

Imaxes relacionadas