A conselleira do Mar visitou a sede da organización Stella Maris, o Apostolado do Mar

Galicia demanda que os mariñeiros poidan exercer o seu dereito a voto con todas as garantías cando haxa citas electorais

A titular de Mar traslada aos responsables da organización Stella Maris que o Parlamento galego conta con iniciativas en marcha para pedir ao Goberno central que incorpore na lei electoral un sistema que posibilite o exercicio pleno deste dereito por parte do persoal embarcado

O Executivo autonómico entende que os avances tecnolóxicos deberían permitir o establecemento dun mecanismo que garanta plenamente a participación nos comicios dos tripulantes de buques pesqueiros e mercantes

Rosa Quintana tamén salienta que a comunidade está a impulsar a mellora das condicións de vida a bordo co obxectivo de facer máis atractiva a actividade e favorecer a remuda xeracional no sector

Vigo, 30 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a sede viguesa da organización non gobernamental (ONG) internacional de axuda aos mariñeiros Stella Maris, o Apostolado do Mar, onde mantivo un encontro cos seus responsables. Nesa xuntanza a titular de Mar avogou pola colaboración na defensa dos dereitos dos mariñeiros, como o relacionado con que poidan exercer plenamente o seu dereito a voto cando hai citas electorais, ou a mellora das condicións de vida a bordo.

En relación coa demanda de mecanismos que posibiliten aos tripulantes de buques pesqueiros e mercantes exercer o seu dereito a voto cando se celebren comicios, a representante do Executivo galego lembrou que Galicia leva tempo traballando para lograr avances neste eido. Nesta liña, indicou que o Parlamento galego conta con iniciativas en marcha para pedir ao Goberno central que incorpore na lei electoral un sistema que permita a estes profesionais votar con todas as garantías aínda que se atopen embarcados.

A conselleira do Mar coincidiu cos responsables de Stella Maris en que a normativa actual conta con moitas limitacións neste sentido pero garantiu que a Xunta vai seguir traballando co obxectivo de rematar con esta situación anómala e que os mariñeiros poidan votar coma calquera outro cidadán. Ademais, lembrou que os avances tecnolóxicos acadados nos últimos anos deberían favorecer o establecemento dun mecanismo que garanta o exercicio dun dereito fundamental de todos os galegos.

Rosa Quintana tamén trasladou aos representantes da organización que a Consellería do Mar leva tempo traballando noutra das súas demandas, a mellora das condicións da vida a bordo dos tripulantes. Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que Galicia defendeu desde o primeiro momento que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca debe incluír apoios para a realización de melloras a bordo dos buques e tamén a construción doutros novos para mellorar a súa habitabilidade.

Trátase dunha cuestión, engadiu, transcendental tamén para acadar a remuda xeracional no sector pois a mellora das condicións de vida a bordo é un dos aspectos prioritarios para que a xente nova vexa o mar como unha opción laboral atractiva con melloras en cuestións como as comunicacións con terra para paliar en boa medida as longas estadías en alta mar.

A conselleira do Mar agradeceu aos responsables de Stella Maris o seu labor na defensa dos intereses do mariñeiros nos 300 portos e 41 países nos que está presente e avogou por traballar da man co obxectivo de facer realidade as reivindicacións dos profesionais do mar e acadar a mellora das súas condicións de vida así como o exercicio dos seus dereitos.

Stella Maris

O Apostolado do Mar é unha organización non gobernamental internacional de axuda aos mariñeiros que conta con máis de 100 anos de historia. Desde o porto de Vigo asesora aos traballadores do mar de todas as nacionalidades e ofrece servizos asistenciais, sociais, culturais e recreativos no seu Centro de Dereitos do Mariño, situado no edificio de Portocultura, en Vigo. Desde a súa fundación en Glasgow (Escocia) en 1920 non deixou de medrar na busca de melloras na defensa dos intereses dos profesionais do mar.

Imaxes relacionadas