Os concellos poden solicitar ata finais de mes axudas para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e de infravivenda
Estes programas suman un importe de case 2 millóns de euros de fondos propios do Instituto Galego de Vivenda e Solo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda aos concellos galegos que dispoñen ata o vindeiro 30 de abril para presentar as axudas a dous dos programas en materia de rehabilitación que convoca o Goberno galego.
Son dúas iniciativas con axudas directas ás entidades municipais coas que mellorar o estado actual dos inmobles: o programa de rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social e o de infravivenda, para as entidades locais de menos de 10.000 habitantes.
Ambos programas foron convocados o pasado 22 de marzo no Diario Oficial de Galicia, por un importe inicial de case 2 millóns de euros, grazas ao fondos que dispón o Instituto Galego de Vivenda e Solo; e que poderá ampliarse en case 1 millón de euros máis, unha vez que o Goberno central transfira á Comunidade os fondos estatais consignados.
Rehabilitación de vivendas municipais
No ano ano 2017 a Xunta de Galicia puxo en marcha un programa para a rehabilitación de vivendas de mestres e outro oficios. O interese dos concellos por esta programa de incentivos -actuouse nun total de 125 vivendas- levou á Xunta a ampliar este programa ás edificacións e vivendas de titularidade municipal, para concellos de menos de 20.000 habitantes. En todo caso, mantense que os inmobles recuperados serán destinados ao alugueiro social.
As actuacións subvencionables son obras de rehabilitación que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade; ás que se poderá destinar ata o 90% do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar as seguintes cantidades: 40.000 euros por vivenda rehabilitada e 48.000 euros no caso de vivendas situadas nun ámbito histórico ou nos Camiños de Santiago. No caso de que a vivenda a recuperar se atope nunha área Rexurbe, a axuda pode incrementarase en 2.000 €.
Infravivenda
O programa de infravivenda está pensado para mellorar o estado daqueles inmobles que se localicen nas entidades locais de menos de 10.000 habitantes. Ten por finalidade apoiar aos concellos, así como ás unidades de convivencia propietarias, na execución de obras de rehabilitación co obxectivo de habilitar vivendas cunha mínimas condicións de habitabilidade. Neste caso, a contía da axuda poderá chegar ata o 95% do orzamento necesario para as obras ou un máximo de 15.000 euros.
As axudas serán solicitadas polo concello, tanto si se trata de inmobles de titularidade municipal como se son de propiedade privada.
Ao amparo desta liña de incentivos poderán executarse as seguintes actuacións: obras de reforma ou rehabilitación de elementos exteriores, a mellora das condicións estruturais e de seguranza e da accesibilidade da edificación ou das vivendas, así como da mellora da habitabilidade, entre as que se inclúen obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Estes dous programas teñen por finalidade apoiar aos concellos, así como ás unidades de convivencia propietarias, na execución de obras de rehabilitación de inmobles co obxectivo de habilitar vivendas cunha mínimas condicións de habitabilidade.