Luis López fai un chamamento á “participación masiva” da veciñanza no cribado de detección da covid-19 en Vilanova para detectar asintomáticos e frear o incremento dos contaxios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado polo alcalde, Gonzalo Durán, acude ao pavillón multiusos para supervisar a primeira xornada destas probas, programadas ata o domingo con 2.400 veciños citados

“Nas zonas do litoral da provincia estanse a producir incrementos da incidencia acumulada e Vilanova ten a terceira máis alta da área sanitaria, polo que este cribado é fundamental para acoutar esta situación”, sinala Luis López

Vilanova de Arousa, 16 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de facer un chamamento á “participación masiva” da veciñanza de Vilanova de Arousa no cribado de detección da covid-19, organizado polo Sergas e que comezou esta mesma tarde co obxectivo de detectar casos asintomáticos e frear o incremento de contaxios que se está a producir nas dúas últimas semanas.

“Nas zonas do litoral de provincia, e especialmente no Salnés, estanse a producir ascensos na incidencia acumulada, tanto a 7 como a 14 días, e Vilanova ten a terceira máis alta da nosa área sanitaria, polo que este cribado é fundamental para acoutar esta situación”, sinalou o representante autonómico, que lembrou que o municipio ten na actualidade 19 casos activos e unha incidencia acumulada de 88 a 7 días e de 185 a 14 días.

O delegado territorial asistiu esta mesma tarde ao inicio do cribado de detección da covid-19 no pavillón multiusos xunto ao alcalde, Gonzalo Durán, para supervisar a primeira xornada destas probas, que se prolongarán ata o vindeiro domingo cunha convocatoria de 2.400 veciños de entre 30 e 49 anos de idade aos que se lle realizarán no formato PCR.

Ademais deste cribado poboacional, o Sergas tamén vai realizar un específico para toda a comunidade educativa dos centros de Vilanova de Arousa que inclúe a máis de 800 persoas entre estudantes, profesores e persoal non docente.

“Estamos a intensificar as labores de detección na comarca do Salnés e, tras as probas realizadas estes días en Ribadumia e Catoira, seguimos agora por Vilanova, xa que a detección de asintomáticos, xunto coas medidas de seguridade e o sentidiño, son o mellor xeito de cortar os incrementos nas incidencias que poden complicar a situación de estabilidade sanitaria que temos neste momento”, concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas