A Xunta apoia o Concello de Forcarei na compra dunha varredora e no mantemento e xestión da recollida municipal de residuos
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, coñeceron as melloras realizadas no municipio ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental
As actuacións contaron cun apoio de máis de 150.000 euros por parte do Goberno galego
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, as melloras levadas a cabo no municipio de Forcarei na recollida e xestión de residuos, actuacións que contaron cunha achega da Xunta de 152.076 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.
En concreto, coa axuda da Administración autonómica, o concello de Forcarei adquiriu unha varredora para a limpeza e recollida de lixo, a mellora do mantemento dos accesos aos espazos naturais, núcleos rurais e urbanos, a adecuación de zonas de especial valor patrimonial e as actuacións por mor de imprevistos derivados de fenómenos meteorolóxicos.
A Xunta apoiou tamén economicamente os gastos de xestión e funcionamento do servizo de recollida e tratamento de residuos municipal, incluída a recollida selectiva.
Esta axuda forma parte dos máis de dous millóns de euros concedidos pola Xunta nos últimos dez anos ao concello de Forcarei ao abeiro das diferentes liñas abertas pola Administración económica para colaborar na mellora dos servizos municipais e da calidade de vida dos veciños, e que inclúen actuacións en espazos recreativos e de interpretación ambiental e melloras no saneamento e nas infraestruturas das parroquias.
O Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros ao Fondo de Compensación Ambiental, unha liña de axudas que financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.