Medio Ambiente adxudica por 1,4 millóns de euros as obras de mellora do lugar de Mugares en Toén e a rehabilitación dunha estrada en Vilardevós
A actuación en Toén consistirá na recuperación integral da zona, na que se localizan un conxunto de hórreos e un pombal, ao tempo que se pavimentan e acondicionan os camiños que conducen á mesma
En Vilardevós, acondicionarase a estrada que vai desde Salto do Cabalo a Moialde, un vial fundamental no concello ao ser un elemento dinamizador de desenvolvemento social e cultural
A Xunta de Galicia vén de adxudicar dúas obras para a mellora das infraestruturas e dos equipamentos urbanos nos concellos de Toén e Vilardevós, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.
O contrato de Toén, adxudicado ao grupo Prodescon&Amil por un importe de 61.000 euros, ten por obxectivo acometer unha actuación integral para recuperar esta zona, na que se localizan un conxunto de hórreos e un pombal, ao tempo que se pavimentan e acondicionan os camiños que conducen á mesma.
O prazo para a execución dos traballos é de seis e consistirán fundamentalmente en acondicionar os terreos nos que se asentan un conxunto de hórreos e un pombal, procedendo á súa limpeza e á colocación de travesas de madeira tratada, recuperadas das vías do tren e colocadas para favorecer a accesibilidade entre a zona do miradoiro e o espazo empedrado, situado na eira do pombal.
Para mellorar a imaxe deste conxunto urbano, plantaranse ao longo do camiño árbores típicas da contorna (cereixos e loureiros) e acometerase o empedrado con lousas de pedra morena na zona asignada como espazo de recreo e miradoiro, onde, ademais, se colocarán bancos e máis árbores a modo de zona de descanso.
Rehabilitación dun vial vertebrador en Vilardevós
A segunda actuación adxudicada pola Consellería de Medio Ambiente é a rehabilitación da estrada que vai desde Salto do Cabalo a Moialde. O contrato adxudicada á empresa Extraco, construción e proxectos por un importe de case 84.000 euros terá un prazo de execución dun mes, desde a firma do contrato.
Esta actuación ten por obxecto mellorar este equipamento urbano, xa que teñen un papel fundamental como elemento dinamizador de desenvolvemento social e cultural; pero que en ocasións son inasumibles polos concellos.
A Consellería de Medio Ambiente aposta desde hai varios anos por este tipo de colaboracións para apoiar aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.
A execución desta obra enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.
Neste sentido, nos orzamentos da Consellería para 2021 hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para axudar a financiar obras destinadas á creación ou mellora de equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.