A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo presidiu hoxe unha reunión da Comisión de seguimento deste plan de protección e ordenación do centro histórico

A Xunta modifica o convenio para acompasar a revisión do Plan especial do casco histórico de Betanzos á capacidade de tramitación do Concello

Encarnación Rivas animou aos responsables a implicarse de xeito activo na tramitación do plan especial, para o que tamén contarán co apoio técnico da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

A directora xeral destaca que o reto do Goberno galego é facilitar que os concellos conten coas ferramentas máis axeitadas para acadar un urbanismo responsable

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia acepta modificar o convenio de colaboración para a revisión do Plan especial de protección e ordenación do casco histórico de Betanzos, co fin de acompasalo así á capacidade de tramitación do Concello.

A directora xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, presidiu esta mañá unha reunión da Comisión de seguimento deste plan, na que trasladou este compromiso do Goberno galego, o cal implicará a firma dunha addenda ao convenio de colaboración asinado en xullo de 2019 entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Betanzos.

Encarnación Rivas indicou que a revisión dun Pepoch esixe dunha elaboración e tramitación deste tipo de instrumentos de planeamento que son complexos; polo que trasladou o apoio e colaboración da Dirección Xeral para darlle o pulo definitivo a esta ferramenta urbanística que mellore e protexa a contorna histórica do municipio. Nese sentido, invitou ao Concello a implicarse de xeito activo e completo para actualizar este plan que redundará na mellora das condicións urbanísticas deste ámbito municipal.

A finalidade deste tipo de plans especiais é estudar os espazos que se localizan dentro dun determinado casco histórico para garantir que teñan un futuro, permanezan activos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar todo aquelo que defina o propio plan.

No caso concreto de Betanzos, o Pepoch foi aprobado en 1992, polo que se converteu nun dos primeiros concellos en dotarse dun plan deste tipo, que ten como obxectivo garantir o futuro e a revitalización das zonas monumentais. O paso do tempo e os cambios normativos, como a aprobación da Lei de patrimonio cultural de Galicia en 2016, obrigaron a revisar e actualizar este plan de protección.

Un dos retos da Xunta é avanzar nun urbanismo responsable e dotar aos municipios dun plan ordenado, especialmente naqueles que contan cun casco histórico. Nese sentido, apoiou a revisión do Pepoch asumindo o cen por cento dos custes de redacción do documento, que se adxudicou por un importe total de 118.500 euros.

A directora xeral advertiu que a addenda tamén implica reaxustar as anualidades, para non perder os fondos consignados a ano 2020, dado que o Concello non cumprimentou a fase prevista para o pasado exercicio, a aprobación inicial do Pepoch.

Programa Rexurbe

Cómpre lembrar que unha das iniciativas das que se beneficia o Concello de Betanzos é o programa Rexurbe, posto en marcha polo Goberno galego para evitar a degradación e o abandono. Trátase dunha aposta forte pola rehabilitación, unha iniciativa coa que se adquiren e rehabilitan inmobles abandonados ou en estado de semiabandono situados conxuntos históricos e zonas especialmente degradadas, desde un punto de vista tanto arquitectónico como social.

Nos orzamentos de 2021 se reserva unha partida de máis de 10 millóns de euros para este programa, case un 24% máis que no ano anterior, e dos cales a Betanzos se lle consignarán 1,2 millóns para seguir avanzando nos seus proxectos e obxectivos.

En Betanzos, o IGVS xa adquiriu un total de 17 inmobles, co fin de obter 21 novas vivendas protexidas e 3 locais comerciais. Na actualidade están rehabilitadas 5 desas propiedades, das que se obtiveron 8 vivendas e os 3 locais comerciais, localizados na rúas Cerca e Primeira Venela de Clérigos. Ademais, están iniciadas as obras doutros 6 inmobles e licitadas as dos 6 restantes.

Imaxes relacionadas