Trenor e a presidenta de Portos de Galicia participan na terceira etapa náutica xacobea "Navega o Camiño"
O programa recolle sete etapas nas que os barcos participantes están a pasar por 15 dos 30 portos deportivos vencellados coa ruta marítima a Santiago
Na travesía están participando barcos das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, un barco de vela adaptado e unha embarcación oficial da Xunta na que viaxan xornalistas especializados
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou na terceira etapa da travesía náutica xacobea "Navega o Camiño", que se está a celebrar desde o pasado 11 xuño e que rematará o vindeiro 19 de xuño en Santiago. O programa recolle sete etapas nas que os barcos participantes están a pasar por 15 dos 30 portos deportivos vencellados coa ruta marítima a Santiago. A travesía transcorre desde Ribadeo ata o río Ulla, chegando a Padrón en catamarán e completando a pé o último tramo do camiño ata Santiago.
Trenor lembrou a importante oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para reactivar o sector náutico galego e que poida recuperar os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, enxalzou o papel que terá "Navega o Camiño" nese obxectivo pois trátase dunha ruta por mar consolidada que vai xa pola sexta edición.
Nesta ocasión están participando os barcos das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, un barco de vela adaptado coordinado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxan xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas e impulsar a incorporación de perfís de navegantes da náutica de recreo.
Entre as peculiaridades da edición deste ano destaca a reivindicación do papel da muller na práctica náutica. Neste sentido, un dos barcos das asociacións organizadoras conta coa gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega, que lidera unha tripulación composta maioritariamente por mulleres.
Trenor agradeceu o esforzo realizado polas entidades organizadoras, que permite que se celebre novamente este evento malia as dificultades, e para os responsables de Cogami, por demostrar que todos os colectivos poden participar de forma activa en iniciativas coma esta e vivir de preto o mundo do mar.