Arias di que o polígono de Muimenta (Cospeito) reforzará o seu papel estratéxico na Terra Chá coa ampliación que impulsa a Xunta
O delegado territorial de Lugo resaltou que a Administración galega vén de adxudicar as obras para urbanizar 25.100 metros cadrados do parque empresarial, ás que destina 1,3 millóns de euros
A actuación permitirá crear 15 novas parcelas, estruturas viarias e humanizar este espazo con máis de 6.800 cadrados de zonas verdes, mobiliario urbano e unha área de xogos infantís
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que o parque empresarial de Muimenta (Cospeito) reforzará o seu papel estratéxico na economía deste concello e da comarca da Terra Chá coas obras de ampliación previstas.
No transcurso dunha visita ao polígono acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, Arias apuntou que a Administración galega vén de adxudicar as obras de urbanización da fase A-1 da ampliación desta área industrial, nas que investirá 1,3 millóns de euros. Unha vez iniciados os traballos, teñen unha duración estimada de oito meses.
A ampliación do parque empresarial de Muimenta ocupará unha superficie de 25.121 metros cadrados, dos que 12.979 estarán ocupados por 15 parcelas con dimensións que oscilarán entre 700 e 1.525 metros cadrados cada unha.
O contrato inclúe actuacións de urbanización, electrificación, canalizacións de saneamento, acometidas de abastecemento ás parcelas, alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar o tráfico procedente da estrada LU-120.
Tamén se definirán estruturas viarias, máis de 6.800 metros cadrados de zonas verdes e mobiliario urbano -bancos de madeira, papeleiras… - para integrar e humanizar este espazo. Disponse tamén unha área de xogos infantís, valada e dotada de pavimento elástico.
Ampliación en tres fases
A Xunta planifica ampliar o polígono de Muimenta en tres fases que sumarán preto de 145.000 m2 distribuídos en 54 novas parcelas.
O Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha zona industrial para Cospeito e toda a comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m2.
O parque de Muimenta leva en funcionamento desde o ano 1999 e conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que se impulsa esta actuación co fin de dar resposta á demanda de espazo para o asentamento de empresas.