A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión co alcalde
Medio Ambiente estudará colaborar co Incio na construción dunha ruta polo embalse de Vilasouto
Ángeles Vázquez comprometeuse a enviar o proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que analice a súa viabilidade e defina o mellor mecanismos de colaboración
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde do Incio, Héctor Corujo, que o seu departamento analizará as posibilidades de colaborar no proxecto municipal para construír unha senda fluvial polo encoro de Vilasouto.
Ángeles Vázquez e Héctor Corujo mantiveron esta semana un encontro para coñecer os proxectos de interese da Administración local, entre os cales o alcalde achegou información sobre esta senda, que tería unha lonxitude perimetral de máis de 11 quilómetros.
A conselleira de Medio Ambiente indicoulle que trasladara esta petición municipal á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, para que analice a iniciativa e pondere as posibilidade e mecanismos de establecer unha vía de colaboración.
Ambos recoñeceron que este proxecto é unha oportunidade para poñer en valor a paisaxe de ribeira do embalse, así como a fauna e flora que acubilla e que, desde logo, pode chegar a converterse nun punto propicio para a observación de aves.
Tamén brindará unha oportunidade de ocio ao aire libre e en plena natureza aos veciños e visitantes, que poderán realizar unha ruta de sendeirismo que une os núcleos rurais vinculados aos encoro: Vilasouto, Eirexalba, Novelín e Mosteiro.
A reunión tamén serviu para repasar a situación urbanística do Incio. Nese sentido, a conselleira invitou ao Concello a impulsar a redacción do Plan xeral de ordenación municipal, para actualizar o que rexe na actualidade, aprobado no ano 2005.