A Xunta anuncia a dotación de cuberta na zona deportiva do patio do IES de Valga cun investimento de 217.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, José María Bello, informa, nunha visita ao instituto, que esta actuación se atopa en fase de contratación e agarda que a envolvente estea lista para o segundo trimestre do curso

O departamento autonómico proxecta unha cuberta de máis de 1.000 m2 para favorecer o esparcemento dos alumnos nas épocas de choiva e mal tempo

Valga, 1 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai dotar á zona deportiva do patio do IES de Valga, emprazado na parroquia de Xanza, dunha cuberta cun investimento de 217.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o instituto público acompañado polo alcalde de Valga, José María Bello, e outros representantes municipais e anunciou esta actuación, que actualmente se atopa en fase de contratación.

“Había unha demanda da comunidade educativa e do Concello de Valga para cubrir parte da zona de recreo que foi valorada positivamente pola Xunta de Galicia, polo que activamos este proxecto para que os traballos comecen nas vindeiras semanas”, explicou o representante autonómico.

A obra conta cun prazo de execución de catro meses, polo que as previsións apuntan a que a cuberta estará rematada e a disposición da comunidade educativa ao comezo do segundo trimestre do curso académico 2021/2022, coincidindo coa chegada do inverno. “Queremos permitir e favorecer o esparcemento e o lecer dos alumnos nas épocas de choiva e mal tempo, polo que esta actuación facíase necesaria”, apostillou Luis López.

O patio do IES de Valga conta con dúas zonas de recreo en torno ás edificacións educativas, que fan forma de U, e unha pista deportiva con asentos na cara leste do instituto. Neste espazo hai unha pequena cuberta, duns 200 m2, na bancada e agora vaise proceder a dotar dunha envolvente á cancha de xogo cunha cuberta de máis de 1.000 m2, que incluirá canalóns e baixantes para a escorrentía das augas pluviais, co obxectivo de completar a protección e resgardo desta contorna.

“Seguimos dando resposta ás necesidades educativas da provincia e tamén atendendo as demandas xerais do Concello de Valga, que contará en moi pouco tempo cun espazo de lecer cuberto, aberto e seguro no seu instituto, un centro educativo de referencia para o municipio e tamén para outros termos limítrofes”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas