A Xunta anima á modernización e empoderamento das mulleres do mar no encontro de redeiras en Ribadeo
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Ribadeo (Lugo) na convivencia de mulleres redeiras de Galicia, Cantabria, Asturias e País Vasco organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’
Defendeu as políticas de igualdade para as emprendedoras do sector e puxo en valor a tradición do traballo artesanal que representan
A colaboración da Xunta coa Federación traduciuse desde 2009 en máis de 100.000 euros destinados a programas de igualdade e prevención da violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Ribadeo na xornada de convivencia Saberes no Camiño entre redeiras de Galicia, País Vasco, Cantabria e Asturias, organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, premiada coa Medalla Castelao en 2019.
Durante a súa intervención, López Abella enxalzou o labor destas profesionais que traballan na defensa dos dereitos das traballadoras no mar. Considerou, ante as presentes, que “a iniciativa empresarial feminina é vital para o progreso do sector pesqueiro, especialmente nun momento no que resulta necesario sumar esforzos e aportar novas ideas”. Nesta liña comprometeu o apoio da Xunta á capacidade emprendedora das mulleres do sector, protagonistas, segundo indicou, da creación e promoción de proxectos innovadores e competitivos.
A Xunta cre necesario potenciar o desenvolvemento profesional e o empoderamento das mulleres no sector pesqueiro, por medio da implantación de procesos de modernización, a diversificación de actividades, a sustentabilidade tanto económica como ambiental e a mellora da capacitación empresarial da muller. “Trátase de poñer en marcha políticas que permitan paliar os desequilibrios económicos, sociais ou de xénero, aos que se enfrontan as emprendedoras, e que ao mesmo tempo contribúan a poñer en valor e dotar de visibilidade o traballo que elas realizan”, resaltou a secretaria xeral.
Tal e como valorizou López Abella, o desenvolvemento profesional das redeiras de Galicia, está marcado pola súa tradición artesanal e presenza feminina.
A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao é entidade de referencia en Galicia desde 2004 na representación dos intereses das redeiras profesionais galegas. A Xunta comparte obxectivos comúns con ela na busca de novas alternativas de emprego, na divulgación do seu traballo, na prevención de riscos laborais nas súas contornas ou na aposta pola súa diversificación económica desde a óptica da igualdade.
Desde o ano 2009, o Goberno galego mantén liñas de colaboración coa Federación que superan a contía dos 100.000 euros. Entre outras, vense apoiando o desenvolvemento de programas específicos para mulleres, o fomento do asociacionismo e as iniciativas da entidade para a promoción da igualdade e a prevención da loita contra a violencia de xénero.