Na presentación do 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde e do 2º Workshop Internacional en turismo de saúde e benestar

Gabriel Alén destaca o termalismo como recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística

O delegado territorial explicou que a Xunta traballa na reactivación conxunta do turismo termal galego como unha proposta complementaria ideal que permite contar cunha oferta de calidade e especializada

Para Gabriel Alén o termalismo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023
 

Ourense, 8 de setembro de 2021. –

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á presentación do 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde e do 2º Workshop Internacional en turismo de saúde e benestar, que o 16 e 17 de setembro se celebrarán en Expourense e volverán posicionar a Galicia como destino internacional líder en turismo de saúde e benestar.

O delegado territorial subliñou que a Xunta traballa na reactivación conxunta do turismo termal galego como unha proposta complementaria ideal que permite contar cunha oferta de calidade e especializada, e con gran capacidade de desestacionalización da demanda e de captación de máis segmentos de público combinada con outros produtos ou servizos.

Gabriel Alén destacou que Galicia constitúe un enclave cun valor potencial no ámbito termal e as singulares condicións do territorio para o desenvolvemento do sector; por iso – engadiu o delegado territorial- “temos claro dende a Xunta a capacidade do termalismo como recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, ademais de contribuír ao equilibrio territorial e ao desenvolvemento rural dos territorios nos que se asentan os 21 balnearios da comunidade”.

Para o representante do Goberno galego, o termalismo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023. O reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade foi precisamente o que permitiu que a comunidade recibise en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020 e que se sitúe 20 puntos por riba da media nacional en comparación con 2019.

Estes resultados son froito do apoio da Xunta ao sector turístico coa aplicación de todos os protocolos anticovid para garantir a seguridade; e coa posta en marcha de iniciativas pioneiras para recuperar a confianza do viaxeiro, como o seguro coronavirus, ou a promoción a través da campaña Camiña a Galicia para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade cun Camiño Seguro.

O delegado territorial manifestou que “temos a necesidade de seguir consolidando no caso do turismo termal este produto turístico estratéxico que sitúa a Galicia como referente nacional e internacional que adaptouse á situación derivada da covid coa aplicación das medidas de prevención”.

Imaxes relacionadas