A Xunta financiará 20 obradoiros duais de emprego en 55 concellos da provincia de Lugo cun investimento de 7,1 M€

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, explicou que o incremento do orzamento nesta convocatoria permite impulsar seis talleres máis que na edición anterior, polo que o 82% dos municipios lucenses participará nun obradoiro

A súa posta en marcha suporá a contratación de 400 persoas desempregadas para recibir formación, ao que hai que engadir os postos que se creen de dirección, administración e monitores

Lugo, 10 de setembro de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade destina 7,1 millóns de euros a financiar 20 novos obradoiros duais de emprego que se levarán a cabo en 55 concellos da provincia de Lugo a partir de outubro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe da resolución da orde de axudas deste ano, que incrementa o orzamento nun 47% con respecto á convocatoria anterior, o que permite impulsar seis obradoiros máis na provincia en relación co 2020 e beneficiar a 15 municipios máis que na pasada edición.

“Este ano o 82% dos concellos de Lugo terán un taller de emprego financiado pola Xunta”, salientou Arias, quen explicou que a súa posta en marcha suporá a contratación de 400 persoas desempregadas para recibir formación -20 por cada taller-, ao que hai que sumar as prazas que se creen de persoal de dirección, administración e monitores.

Os alumnos-traballadores participantes nestes programas, que desenvolven as entidades locais, poden acceder durante nove meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Ademais, unha vez remate o obradoiro, poderán traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación, que na provincia de Lugo foron solicitados polos promotores de 12 dos talleres, o que dará acceso ao mercado laboral a 131 persoas.

Distribución por zonas

En canto á distribución por zonas, na Mariña desenvolveranse cinco obradoiros cun investimento de 1,7 millóns de euros: Sendas de Burela, Cervo e Xove VIII; Serra da Cadeira VI, impulsado por Trabada con Lourenzá e Barreiros; Terras do Sor V, promovido por Ourol co Vicedo e Muras; Terras do Ouro 2021, que agrupa a Foz, Alfoz e O Valadouro; e Ribadeo prepara o teu Camiño, un taller individual.

Na Zona Sur funcionarán outros cinco programas que suman 1,7 M€: Serra do Faro VI, organizado por Carballedo e Chantada; Ricra V, que impulsa Pantón con Sober e O Saviñao; o obradoiro de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón; Sillor VIII, do que forman parte Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel; e o que desenvolverá Monforte de Lemos en solitario centrado nas TIC e a dixitalización.

A Xunta tamén financiará o taller sobre o Camiño de Santiago impulsado individualmente por Sarria; a iniciativa Ponte de Areas V, que comparten O Corgo, Guntín e O Páramo; Cumes da Terra Chá V, no que están asociados Rábade, Begonte e Friol; e Camiño de Santiago II, que se desenvolverá en Palas de Rei, Monterroso e Portomarín.

Así mesmo, Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei compartirán Camiño da Chaira VI; Vilalba e Abadín Terra Chá no Camiño II e Ribeira de Piquín promove xunto con Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto O Castro VII.

Por último, en Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela estará en marcha o proxecto Comarca de Ancares IV; As Nogais, Baralla e Becerreá repiten a proposta Vía Künig e A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e A Pontenova xúntanse para impulsar Madeira de futuro.

Arias incidiu na triple dimensión dos obradoiros, que buscan mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles formación teórica e práctica de calidade da man de especialistas nas materias que se imparten; prestar servizos de interese xeral e realizar obras en espazos públicos; ademais de contribuír a crear emprego nos concellos.

No acceso teñen prioridade os colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade, entre outras.

Imaxes relacionadas