Esta mañá na clausura do obradoiro de emprego 'As Veigas V' no Concello de Porqueira

Gabriel Alén subliña que os obradoiros de emprego melloran as posibilidades de inserción laboral dos veciños

O delegado territorial de la Xunta en Ourense concluíu que, “todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo”

Gabriel Alén anunciou o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Xunta

O representante do Goberno galego aproveitou tamén a súa estadía no concello de Porqueia para manter unha reunión de traballo coa alcaldesa, Susana Vázquez, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica

Ourense, 28 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego As Veigas V que promoveu o concello de Porqueira cos municipios de Baltar, Os Blancos, Rairiz de Veiga, e Calvos de Randín e no que a Xunta investiu 352.946,00 euros; ao tempo que anunciou o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, As Veigas tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.

Gabriel Alén, que estivo acompañado polas alcaldesas de Porqueira, Susana Vázquez, e de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, e dos alcaldes de Baltar, José Antonio Feijóo, Os Blancos, José Manuel Castro, e de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, destacou a importancia destes programas porque ofrecen formación de calidade e acceso a un posto de traballo, salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Tamén subliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, neste sentido indicou que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños.

O delegado territorial destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

O representante do Goberno galego subliñou que estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

o delegado territorial concluíu que, “todos somos conscientes de que canto maior sexa a cualificación e as competencias dos nosos traballadores, maiores son as posibilidades de acceso ao mercado de traballo”, e polo tanto, a Xunta seguirá apostando polos obradoiros “como ferramenta para promover a inserción laboral”.

Gabriel Alén presidiu o acto de entrega aos 20 alumnos do obradoiro As Veigas V que desenvolveron actuacións e traballos de reparación de tanques en Fontearcada, Mouril, Covas, Ouvigo e Outeiro no concello dos Blancos; en Calvos de Randín, levaron a cabo melloras no comedor, cociña, zona de descanso e recepción no antigo grupo escolar; rehabilitaron a vivenda social da Saínza en Rairiz de Veiga; recuperaron fontes, lavadoiros e outros na ruta de sendeirismo de Porqueira; e no concello de Baltar fixeron actuacións na piscina municipal, no punto de acceso ás autocaravanas e colocaron un muro no Centro de Saúde.

Reunión coa alcaldesa de Porqueira

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou tamén a súa estadía no concello de Porqueira para manter unha reunión de traballo coa alcaldesa, Susana Vázquez, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica.

O delegado territorial puxo en valor os recentes investimentos da Xunta no concello como as da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 35.000 euros destinados á mellora dos parques infantís en Sabucedo, Toxal e Filgueira; os da Consellería do Medio Rural de 36.764 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas; os da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de 67.760 euros para humanizar rúas en San Lourenzo; ou os 40.000 euros de Augas de Galicia para as obras de abastecemento, saneamento e depuración na Forxa, Filgueira e Toxal.

Imaxes relacionadas