A Xunta suma unha nova vivenda no barrio da Tinería logo de investir 140.000 euros na rehabilitación

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou as chaves aos primeiros adxudicatarios deste inmoble da rúa Recanto do Miño que o IGVS recuperou tras anos de abandono

Lugo, 29 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia suma unha nova vivenda no barrio da Tinería coa recuperación do inmoble situado en Recanto do Miño 11-13, que hoxe foi entregado en réxime de alugueiro aos primeiros adxudicatarios.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na entrega de chaves e subliñou que o traballo do Goberno galego neste barrio da capital “é constante”. Neste sentido, indicou que hai outra vivenda na zona lista para entregar -en proceso de adxudicación- e dous inmobles máis xa reformados que esperan a que o Concello conceda a licencia de primeira ocupación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu 140.000 euros nas obras de rehabilitación do edificio entregado hoxe, que deu lugar a unha vivenda unifamiliar de máis de 95 metros cadrados con tres dormitorios.

Boa parte do orzamento estivo destinado ás obras na estrutura, cuberta e fachadas, ademais de renovar completamente o interior e as instalacións de fontanería, electricidade, calefacción ou gas, entre outras, para ofrecer unha vivenda moderna e confortable.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xestiona as obras e as adxudicacións, en base á demanda existente no Rexistro único de demandantes, que está sempre aberto ás novas solicitudes.

Imaxes relacionadas