Medio Ambiente licita por case 100.000 euros as obras de mellora de varios espazos públicos no núcleo tradicional de Coirós de Abaixo

Ademais da humanización dunha superficie de case 12.000 m2, o proxecto tamén inclúe a construción dun parque público

As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato público dispoñen ata o 11 de novembro

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita hoxe, na Plataforma de contratos públicos, por case 100.000 euros as obras de humanización de varios espazos públicos no núcleo rural, histórico-tradicional e común de Coirós de Abaixo, no Concello de Coirós.

O proxecto, ademais de mellorar o estado actual de varias rúas –que suman un superficie de case 12.000 m2—, prevé a creación dun parque público.

As obras consistirán na limpeza dos viarios e espazos públicos, limpeza de cunetas para mellorar a drenaxe e evacuación de pluviais, e a eliminación de barreiras que interfiran na accesibilidade.

As empresas interesadas en acceder a este contrato público, cun prazo de obra de dous meses, dispoñen ata o 11 de novembro para presentar as súas ofertas.

Esta actuación executarase ao abeiro dunha colaboración entre a Xunta e o Concello dentro do plan Hurbe, que ten por finalidade axudar ás entidades locais na execución de diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Desde a Consellería de Medio Ambiente saliéntase que esta licitación é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Imaxes relacionadas