Luis López destaca o 'éxito laboral' do Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresarios de Deza ao acadar un 45% de inserción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente da patronal, Antonio Lamas, a fase final desta iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade con 250.000€
O PIE, orientado a mellorar a empregabilidade dun cento de veciños e veciñas da comarca, afronta os cursos de carretilleiro e de servizos administrativos antes do seu remate o vindeiro 8 de novembro
“Temos un compromiso decidido co emprego en Deza e Tabeirós e por iso artellamos accións formativas e de inserción para máis de 500 persoas entre os obradoiros de emprego, os cursos AFD ou este programa integrado”, sinalou Luis López
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta tarde o Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios de Deza (AED), impulsado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e destacou o seu “éxito laboral” ao conseguir un 45% de inserción cando aínda fallan dúas semanas para o seu remate.
O representante autonómico, acompañado do alcalde de Lalín, José Crespo, e do presidente da AED, Antonio Lamas, asistiu a unha das derradeiras accións formativas, consistente no curso de Condución e Manexo Seguro de Carretas Elevadoras para a Prevención de Riscos Laborais, e puxo en valor “o enorme traballo da asociación durante as últimas tres décadas para impulsar o crecemento das empresas e a creación de emprego na bisbarra, o que permitiu que milleiros de dezaos atoparan un traballo”. “A AED é un exemplo a seguir e o seu esforzo e implicación na mellora da calidade de vida da xente é digno de admiración”, engadiu.
O PIE da patronal dezá está financiado pola Xunta de Galicia con 250.000 euros e orientouse á mellora da empregabilidade dun cento de veciños e veciñas da comarca con accións diversas, como a conformación de itinerarios laborais, realización de currículos, análise de habilidades profesionais ou cursos formativos, entre outras actividades.
Ata o momento, o programa integrado acadou un 45% de inserción atendendo ás bases da iniciativa, xa que 45 persoas atoparon un emprego a xornada completa con alomenos tres meses de duración, pero no marco do mesmo ata 71 participantes conseguiron algún contrato de traballo no último ano.
Este programa, que rematará o vindeiro 8 de novembro tras doce meses de duración, contou coa participación, na súa práctica totalidade, de mulleres desempregadas de longa duración co obxectivo de fomentar a creación de emprego feminino.
Na actualidade, afronta as súas derradeiras accións formativas co citado curso de carretilleiro, que ten 15 horas de duración teórico-prácticas, e co de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais, que comezou o pasado mes de xuño con 15 participantes e 390 horas de carga lectiva, que inclúen 40 de prácticas en empresas de sectores diversos de madeira, talleres, hoteis ou construción, entre outros.
“A Xunta de Galicia ten un compromiso decidido co emprego nas comarcas de Deza e Tabeirós, xa que é algo fundamental para ter unha vida digna e de calidade, e por iso artellamos accións formativas e de inserción para máis de 500 persoas destas dúas bisbarras entre os catro obradoiros de emprego recén iniciados, os 23 cursos AFD que están a arrancar en diversos centros de Lalín, Silleda e A Estrada e este Programa Integrado de Emprego”, concluíu Luis López.