A Xunta clausura a formación da primeira promoción de hostalería de Vilanova co obradoiro de emprego ‘Mar de Santiago’

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Gonzalo Durán, presiden o acto de peche desta iniciativa laboral xuvenil, na que a Consellería de Emprego e Igualdade investíu 370.000€

Os 16 participantes, de ata 30 anos de idade, recibiron formación nos módulos de Cociña e Restauración e Servizos de Sala, Cafetería e Bar durante doce meses con prácticas profesionais

Vilanova de Arousa, 27 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de clausurar a formación da primeira promoción de hostalería do Concello de Vilanova de Arousa, preparada a través do obradoiro de emprego xuvenil Mar de Santiago, que contou con 16 participantes menores de 30 anos.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde, Gonzalo Durán, e do tenente de alcalde, Javier Tourís, presidiron o acto de peche, celebrado no Pazo de Vista Real e no que se entregaron os correspondentes diplomas acreditativos destas ensinanzas.
O representante autonómico quixo destacar o “bo traballo” realizado neste obradoiro, “que tivo o premio, xunto co bo proxecto presentado polo Concello de Vilanova, para que hoxe xa estea en marcha a segunda edición con outras 16 alumnas e alumnos”.
Ademais, felicitou aos 16 participantes, “xa que aproveitastes este ano de formación e mellorastes moito a vosa empregabilidade nun sector con moita saída laboral en xeral en toda Galicia e, en especial, en zonas con moito peso turístico como é a comarca do Salnés”. “Tedes toda a vida por diante, coñecementos e certa experiencia para traballar nun sector que vos gusta e moitas posibilidades de acadar un emprego na vosa zona e todo isto fan que este obradoiro pague moito a pena”, sinalou Luis López.
O obradoiro de emprego Mar de Santiago foi financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 370.000 euros e contou con 16 participantes de ata 30 anos de idade. Os mozos recibiron formación durante doce meses cunha carga lectiva de 1.920 horas, incluíndo as prácticas, nos módulos de Cociña e Restauración e Servizos de Sala, Cafetería e Bar.
Na actualidade, a Xunta de Galicia está a formar a máis de 900 persoas desempregadas na comarca do Salnés a través dos cinco obradoiros de emprego outorgados a Vilanova (2), Vilagarcía, O Grove e a Mancomunidade do Salnés, dos 47 cursos AFD de formación para desempregados que están comezando a impartir unha ducia de entidades, empresas ou institucións e do Programa Integrado de Emprego (PIE) da mancomunidade. En total, o Goberno galego inviste 3,65 millóns de euros nestas actividades formativas e de inserción que se desenvolverán durante os vindeiros nove meses.

Imaxes relacionadas