A Xunta agarda a resposta das deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña á proposta para mellorar o funcionamento e os tempos de resposta dos GES

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron hoxe na Comisión de Seguimento dos GES con representantes da Fegamp e as deputacións provinciais

O Goberno galego propón un aumento de persoal con 48 persoas máis para que tódolos GES conten con 12 efectivos, o incremento do financiamento dos 4 servizos municipais de emerxencias, actualizacións salariais e a posta en marcha dun subGES no Grove

Estas medidas suporán un incremento de 1,5M€ do custo no mantemento dos GES por parte do Goberno galego ata os 6,3M€ anuais
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron hoxe nunha nova reunión da Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), onde se debateron as modificacións coas que o Goberno galego pretende optimizar os tempos de resposta destes grupos.

A Xunta agarda coñecer nunha nova reunión a resposta das Deputacións de Pontevedra, Lugo e A Coruña, que solicitaron máis tempo para estudar a proposta. Pola súa banda, a Deputación de Ourense xa amosara o seu apoio a semana pasada cando a Xunta presentou a proposta noutro encontro da Comisión de Seguimento dos GES.

O Goberno galego busca completar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, a través do aumento do persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o incremento do custo dos 4 servizos municipais de emerxencias da comunidade ao resto de GES, a actualización dos salarios dos grupos e a posta en marcha dun subGES con seis efectivos no Grove, entre outras medidas.

Estas medidas suporán un incremento de 1,5 millóns de euros no investimento anual do Goberno galego no mantemento destes grupos, dos que financia máis da metade do seu custo. Así, a Xunta aportará 6,3 millóns de euros anuais, un 31% máis que os 4,8 millóns do último convenio, no que xa aumentara en 300.000 euros o seu investimento para financiar aos 6 novos grupos creados neste exercicio.

Con esta proposta, por unha parte, a Administración autonómica pretende que todos os GES da comunidade conten con 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para completar os grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros, incluído o GES de Mos/Redondela creado este ano e que conta con 6 integrantes en cada unha das súas dúas subsedes. O custo derivado desta medida sería similar ao de 4 GES completos con 1,1 millóns de euros máis ao ano, dos que a Xunta asumiría 588.000 euros.

Xunto co GES de Mos/Redondela, tamén verían incrementadas as súas plantillas na provincia de Pontevedra os GES de Lalín e A Estrada; ao igual que outros 5 da provincia de Ourense -Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión- e os GES de Quiroga e Folgoso do Courel da provincia lucense.

Por outra parte, a Xunta avoga por crear un subGES con seis efectivos no Grove, que tería un custo total de 155.000 euros dos que a Administración autonómica achegaría máis da metade con 81.375 euros ao ano.

Así, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos galegos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

Ademais, a Xunta aposta por incrementar o custo dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia -Terras de Celanova, Ponteareas, Sanxenxo e o creado este ano en Noia- para equiparalos aos GES, pasando de 155.000 a 310.000 euros anuais en total, o que no caso da Xunta supón unha achega de 622.125 euros para os catro grupos, 65.625 euros máis cada ano.

Tamén se prevé actualizar os custos salariais dos efectivos dos GES co obxectivo de adaptalos ao seu custo real na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013, incrementando o cofinanciamento por parte do Goberno galego e das deputacións provinciais.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego. Por tanto, o incremento total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións provinciais terían que destinar 1,1 millóns -o 40%- e entre os concellos sede 220.875 euros por ano, o 7,5% restante.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES. Nesta liña, Natalia Prieto e Santiago Villanueva solicitaron que o resto de administracións se impliquen tamén na dotación de equipamento dos servizos de emerxencias dos concellos.

O Goberno galego leva feito un importante investimento nestes servizos nos últimos 12 anos de máis de 60 millóns de euros no funcionamento, equipamento e formación dos efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos, tanto os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). No caso dos GES, a Xunta destinou 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos e outros 40 millóns para financiar máis da metade do seu custo de mantemento.