O Estado recoñece o labor do Intecmar designándoo oficialmente como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas
O centro dependente da Consellería do Mar e a Aesan asinaron un convenio de colaboración nos últimos días no que se materializa esta designación e os mecanismos de coordinación entre ambas entidades neste ámbito
Rosa Quintana destacou o sistema galego de control de moluscos bivalvos desenvolvido polo Intecmar, que anualmente realiza arredor de 10.000 analíticas de biotoxinas, emite máis de 600 informes de estado de zonas e aproba máis de 400 resolucións que regulan a extracción nas zonas de produción
Dentro da colaboración con Aesan, corresponde ao Intecmar, entre outras funcións, prestar asesoramento aos laboratorios de control oficial nacionais, asistir aos cursos de formación sobre técnicas analíticas e participar nas reunións anuais organizadas polo laboratorio de referencia de biotoxinas mariñas na Unión Europea
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu hoxe no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ao secretario xeral de Consumo e Xogo e presidente da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), Rafael Escudero, e realizaron unha visita polo centro, que vén de ser designado polo Estado como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas froito dun convenio de colaboración entre ambas entidades asinado nos últimos días. Un feito, subliñou Rosa Quintana, que reafirma a relevancia do Intecmar no ámbito do control das biotoxinas mariñas.
Na visita, na que tamén estiveron a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e a directora executiva de Aesan, Isabel Peña-Rey, a titular de Mar puxo de relevo o valor do centro e das súas instalacións, equipamentos e persoal na realización de análises de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e a clasificación de zonas de produción. Unhas dotacións, explicou, que se corresponden co alto volume de produción de moluscos bivalvos de Galicia, que é a principal rexión de España na produción destes recursos.
Ademais Rosa Quintana salientou que a colaboración entre o Intecmar e a Aesan favorece a suma de esforzos en tarefas de control relacionadas co medio mariño e supón un avance na defensa da seguridade alimentaria.
Nesta liña, a titular de Mar puxo en valor os rigorosos e exhaustivos controis que desenvolve o Intecmar para garantir o cumprimento das normas relativas á produción de moluscos. Lembrou que este centro realiza anualmente arredor de 10.000 analíticas de biotoxinas, emite máis de 600 informes sobre o estado das zonas e aproba máis de 400 resolucións que regulan a extracción nas zonas de produción de moluscos bivalvos de Galicia. Este traballo de control das zonas de produción, engadiu, permite garantir que o produto que chega ao mercado polas canles legais é apto para o consumo.
Tarefas
Dentro da colaboración entre ambas entidades, corresponde ao Intecmar, entre outras funcións, prestar asesoramento aos laboratorios de control oficial nacionais, asistir aos cursos de formación sobre técnicas analíticas e participar nas reunións anuais organizadas polo laboratorio de referencia de biotoxinas mariñas na Unión Europea.
Entre as súas tarefas tamén está organizar unha reunión anual de coordinación cos laboratorios de control oficial nacionais, colaborar co laboratorio de referencia da UE e participar nos ensaios interlaboratorios que organicen e preparar cursos de formación para os profesionais dos laboratorios oficiais designados cando sexa necesario. Ademais a través deste convenio o Intecmar pon a disposición as súas instalacións, equipamentos e persoal necesario.
Pola súa banda, mediante esta colaboración, Aesan integra ao Intecmar na rede de Laboratorio Nacionais de Referencia da UE e facilita o acceso e a interacción do centro dependente da Consellería do Mar co laboratorio de referencia da UE. Tamén trasladará ao Intecmar a súa experiencia e información relevante sobre as reunións nas que participa a nivel nacional e internacional en materia de análise de biotoxinas mariñas e outros asuntos de interese.
A maiores, ambas entidades programarán reunións de traballo co fin de coordinar accións e intercambiar coñecementos a prol dunha maior eficacia nos distintos campos de actuación. Esta colaboración, que se selou en outubro deste ano, terá unha vixencia de dous anos e poderá prorrogarse por dous máis.
O Intecmar e a Aesan
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño realiza labores de control sobre as condicións oceanográficas, o fitoplancto, as biotoxinas mariñas, a contaminación química e no eido da microbioloxía. Tamén traballa no seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos ao tempo que desempeña funcións relacionadas coa observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental así como labores de apoio científico e técnico nas emerxencias marítimas.
O seu principal cometido é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. Para iso realiza análises anuais e controis diarios sobre os moluscos bivalvos do litoral de Galicia co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria.
A Aesan é un organismo autónomo, adscrito organicamente ao Ministerio de Consumo, a través da Secretaría Xeral de Consumo e Xogo e funcionalmente ao Ministerio de Consumo, ao Ministerio de Sanidade e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Conta cunha sede en Madrid, co Centro Nacional de Alimentación en Majadahonda e co Laboratorio de Biotoxinas Mariñas en Vigo.