A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde accidental, Francisco Magide, asinaron esta semana un convenio para cofinanciar a obra

A Xunta e o Concello de Parada de Sil colaborarán na urbanización e mellora dun espazo público, cun investimento total de preto de 180.000 euros

A actuación urbanística, que se enmarca nos obxectivos do plan Hurbe, incluirá a creación dunha área de aparcamento e zonas verdes con mobiliario e servizos urbanos

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Parada de Sil colaborarán nas obras de urbanización e mellora dun espazo público no lugar principal do municipio. Así o comprometeron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde accidental, Francisco Magide, a través da sinatura dun convenio co fin de fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo as obras.

Segundo se recolle no proxecto, a intervención centrarase nun solar de forma irregular localizado no lugar de Parada de Sil e cunha superficie de algo máis de 2.100 m2. A urbanización consistirá na creación dunha área de aparcamento con pavimento acorde co ámbito rural no que se encadra —concretamente, sábrego de cemento, lousa e lastro de granito—, rodeada de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbanos.

As obras, cun prazo estimado de execución de catro meses, requirirán traballos de roza así como de escavación e nivelación sobre o terreo antes de comezar as actuacións previstas sobre o pavimento e os bordos, os labores de xardinería e a instalación de bancos, papeleiras, fontes de granito e carteis informativos de pino, entre outros.

Cun orzamento de preto de 180.000 euros, dos cales o 70% será achegado pola Consellería e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como a proxectada en Parada de Sil, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos veciños. Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas