As obras cofinanciadas pola Xunta para mellorar a accesibilidade da Praza da Pedreira de Cartelle comezarán en decembro

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021

As obras para humanizar e mellorar os accesos da praza de Pedreira, no lugar da Seara do concello de Cartelle, prevese que comecen no mes de decembro, despois da sinatura do contrato.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou esta actuación por un importe de 98.814 euros e un prazo de execución de cinco meses, despois de asinar un convenio de colaboración para a execución das mesmas.

O obxectivo desta obra é mellorar as condicións para o tránsito e a seguridade viaria, para facer unha praza más accesible, que incremente o uso público; ao tempo que se habilitan espazos de lecer e dispersión para os veciños.

Na actualidade, os viarios presentan un estado deficitario, debido á insuficiente capacidade dos materiais , con inchados e roturas, debido tamén aos efectos da auga e os cambios de temperatura. Asemade, tamén se mellorará a rede de augas pluviais nos accesos da praza.

Esta actuación executarase no marco do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos, co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.

Para a Consellería de Medio Ambiente este tipo de iniciativas son prioritarias, polo que apoia e financia proxectos cos que se melloren os espazos das vilas galegas e, sobre todo, aqueles que melloran a funcionalidade e dan prioridade de uso aos veciños. Unha senda que manterá ao longo de 2022, grazas a unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros.