A Xunta destinará en 2022 uns 5,33 M€ para poñer en valor terra agraria a través das ferramentas da Lei de recuperación
José González trasladou que instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta permitirán avanzar na recuperación demográfica, na mellora da calidade de vida e na anticipación aos lumes
Lembrou que xa hai 14 aldeas modelo aprobadas -catro delas na provincia de Lugo- e que son medio cento as que se atopan en diferentes fases de tramitación
Indicou que se identificaron ata 707 masas de concentración parcelaria, en áreas que se atopan en estado de infrautilización, que suman unhas 24.000 hectáreas nas que se poderían levar a cabo polígonos agroforestais de iniciativa pública
Lugo, 10 de decembro de 2021.- A Xunta destinará o vindeiro ano 2022 un total de 5,33 millóns de euros para desenvolver e aplicar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.
Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do proxecto Nutrir, impulsado polo Campus Terra da USC para afrontar retos como o do despoboamento, o envellecemento ou o abandono de terras na provincia de Lugo.
Neste evento, o conselleiro trasladou que todos estes instrumentos están precedidos pola planificación e conforman toda unha “caixa de ferramentas” que permitirán, precisamente, avanzar na recuperación demográfica, na mellora da calidade de vida coa que xa conta a poboación rural– e na anticipación aos lumes forestais, remarcou.
Calidade de vida
Trátase, sinalou González, de “potenciar a calidade de vida do rural en todos os sentidos” e neste sentido considerou prioritario continuar investindo os esforzos “tanto na posta en valor das capacidades existentes como na promoción doutras novas que contribúan á construción dun modelo de crecemento intelixente, sustentable e de calidade”.
En relación coas devanditas ferramentas da Lei de recuperación, o conselleiro indicou tamén que xa hai 14 aldeas modelo aprobadas -catro delas na provincia de Lugo- e que son medio cento as que se atopan en diferentes fases de tramitación. A maiores, salientou que por parte da Xunta se identificaron ata 707 masas de concentración parcelaria, en áreas que se atopan en estado de infrautilización, que suman unhas 24.000 hectáreas nas que se podería levar a cabo polígonos agroforestais de iniciativa pública.
Neste sentido, José González reiterou a aposta da Xunta pola implantación de actividade rendible que garanta a mobilización da terra e a súa consecuente recuperación, unha actividade -afirmou- de calidade que reverta un beneficio aos propietarios, pero tamén á área xeográfica onde se implante, xerando valor engadido, emprego e promovendo a fixación de poboación no rural.
Precisamente estes son algúns dos obxectivos do proxecto Nutrir, que promove a USC a través do seu Campus Terra. Trátase dun estudo centrado nas potencialidades da provincia lucense, a partir do que se detectan un contexto e uns retos aos que responder, relacionados coa demografía ou a infrautilización das terras no eido rural.