A Xunta ponse en contacto con case 700 entidades e produtores interesados en recuperar terra en Galicia para instalos a implementar polígonos agroforestais

Tras recibir as súas solicitudes ao abeiro da Manifestación de interese emitida en marzo pola Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de enviarlles as zonas de reestruturación parcelaria cun abandono superior ao 50 %

Establecidas como preferentes polo Goberno galego para albergar polígonos agroforestais, a Xunta detectou algo máis de 24.000 hectáreas abandonadas con boa aptitude produtiva en 707 masas de concentración parcelaria da comunidade

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Xunta vén de poñerse en contacto con case 700 empresas, outro tipo de entidades e produtores que solicitaron recuperar terra ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos autonómicos emitida pola Consellería do Medio Rural o pasado mes de marzo, para acollerse ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central. Así, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural insta a estes solicitantes a que precisen o seu interese en propostas concretas de polígonos agroforestais, figura regulada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Deste xeito, a Axencia vén de comunicarlles por correo electrónico aos interesados en poñer en valor terreos en estado de abandono ou infrautilización que a Lei de recuperación establece como zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública aquelas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria que presenten un abandono superior ao 50 %, ademais de fixar a superficie mínima destes polígonos en 10 hectáreas. Engade que a Xunta ten localizadas as masas que cumpren estes requisitos co fin de promover nelas polígonos agroforestais de iniciativa pública, ao tempo que puntualiza que estas zonas tamén poden resultar de interese para axentes que queiran impulsar un polígono de iniciativa privada, xa que dispoñen das infraestruturas viarias necesarias, dun axeitado acondicionamento dos terreos e da propiedade da terra regularizada.

Así, co fin de impulsar polígonos agroforestais tanto de iniciativa pública como privada, facilítaselles aos solicitantes a cartografía destas zonas identificadas como prioritarias, en concreto, algo máis de 24.000 hectáreas en toda a comunidade. Tamén un formulario para a recollida dos datos básicos dun posible polígono, co obxecto de que desde a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural os poidan asesorar ou buscar posibles emprazamentos para o seu desenvolvemento.

Masas identificadas como prioritarias

Segundo un informe da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Galicia conta con algo máis de 24.000 ha de terreo abandonado que conta con boa aptitude produtiva situado en 707 masas de concentración parcelaria. Un terreo preparado para poñer a disposición daquelas entidades ou explotacións que o precisen mediante a execución de polígonos agroforestais.

Dito informe recolle que un total de 61 das 707 masas con abandono e unha superficie de máis de 10 hectáreas presentan maioritariamente unha capacidade produtiva máxima para agricultura intensiva (representada polo millo e produtos da horta vinculados a algún selo de calidade diferenciada). Estas masas suman un total de 1.642 ha e atópanse principalmente nas provincias da Coruña e Ourense.

O resto de masas analizadas son aptas para outros usos de cultivos agrícolas como pastos, cereais ou froiteiras. Ademais, tamén se poderán combinar cun aproveitamento forestal de cara á diversificación do monte galego, coa plantación de piñeiro ou frondosas autóctonas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. del Medio Rural