Máis de 300 escolares de Lugo asisten á semana cultural organizada polo Museo do Castro de Viladonga

O centro xestionado pola Xunta acolle sesións de contacontos e de ilusionismo, maxia e humor para centros de Infantil e de Primaria da contorna, da man de Paula Carballeira e da Maga Fani

Castro de Rei (Lugo), 15 de decembro de 2021

Máis de 300 escolares de Educación Infantil e Primaria de Lugo asisten desde o luns e ata mañá xoves ás oito sesións de contacontos e ilusionismo da Semana Cultural organizada polo Museo do Castro de Viladonga, xestionado pola Xunta. A escritora, narradora oral e actriz Paula Carballeira e a ilusionista Fani Triana, coñecida como a Maga Fani, son as encargadas do desenvolvemento destas actividades. O obxectivo é favorecer o achegamento lúdico da rapazada ao xacemento arqueolóxico e ás súas instalacións expositivas.

Así, na xornada do luns alumnado procedente dos colexios CEIP O Salvador da Pastoriza e Monseivane de Vilalba gozou dos contos con Paula Carballeira. O martes foi a quenda do ilusionismo, a maxia e o humor coa Maga Fani e participaron novamente nenos e nenas do centro da Pastoriza, así como do CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei.

Hoxe hai outras dúas sesións de contacontos para alumnado dos colexios CEIP Quiroga Ballesteros de Lugo e Aquilino Iglesias de Abadín. Os espectáculos de ilusionismo pechan mañá o programa coa asistencia dos centros Rosalía de Castro de Pol e CEIP Plurilingüe Muimenta de Cospeito.

A iniciativa completa as actividades desenvolvidas durante este trimestre polo museo, que incluíron tamén obradoiros experimentais dirixidos impartidos por artesás a persoas adultas. A través deles, ao longo de outubro e de novembro, os participantes achegáronse á cestería tradicional, con Lola Tourón, á cerámica castrexa, con Sandra Obarrio, e aos téxtiles na antigüidade, con Miriam Fernández.