A Xunta alleou 52 lotes de madeira por 2,5 M€ na última poxa pública electrónica celebrada en Ourense

Os importes acadados -que superan en máis dun millón a taxación inicial- veñen confirmar a suba de prezos da madeira de coníferas avanzada en anteriores poxas, sendo previsible que continúen á alza no futuro

 

Cómpre destacar que 24 lotes contaban con certificación forestal sostible PEFC e outros 13 máis con dobre certificación PEFC e FSC, que os fixo acadar os 41 euros por m³, un prezo moi superior aos lotes non certificados, que roldaron os 32 €/m³
 

A plataforma telemática de poxas enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que están a desenvolver a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de proceder ao alleamento de 52 lotes de madeira de coníferas por máis de 2,5 millóns de euros, un valor moi superior aos 1,4 millóns de euros nos que foran taxados inicialmente. Foi na última poxa electrónica celebrada en Ourense, onde a práctica totalidade dos lotes pertencían a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería.
En total, os lotes vendidos -tres quedaron desertos- sumaron 105.500 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO2 de máis de 57.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, cunha media de 38 €/m³ en monte, prezo medio superior ao da última poxa celebrada en Lugo. Cómpre destacar que a madeira de maior dimensión e calidade, destinada á serra e baixo certificación forestal, chegou a duplicar este valor. Estes prezos enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que continúen á alza no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.
Nesta liña, cómpre resaltar que os 24 lotes desta poxa que contaban con certificación forestal sostible PEFC e outros 13 máis con dobre certificación PEFC e FSC acadaron os 41 €/m3, un prezo moi superior aos lotes non certificados que roldaron os 32 €/m3. Así, as comunidades de montes propietarias de montes baixo certificación forestal sostible recibirán un 27% máis -de media- no prezo da madeira.
Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.


Compromiso da Xunta


Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).
 

Departamento:
C. del Medio Rural